NOTICIA

----

O ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) aborda a crise do estado do benestar con Luis Moreno

Moitas das conquistas sociais que parecían irreversibles desapareceron nos últimos anos. O estado do benestar atravesa unha crise severa marcada por un individualismo posesivo e unha Europa asocial, tal e como explicará nunha conferencia o sociólogo e politólogo Luis Moreno. A cita terá lugar este mércores 29 (17:00 horas) e insírese no ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), seminario do Consello da Cultura Galega coordinado polo profesor Ramón Máiz.

“Os individuos asociais son alérxicos ao estado do benestar, e só aceptan unha versión residual deste con mínimo custo e máximo beneficio para eles”, esta cita forma parte do texto que Luis Moreno defenderá este mércores no Consello da Cultura Galega. Nel fai referencia á evolución dun individualismo posesivo, liberado das súas raizames colectivas, desenvolvido no marco dunhas políticas asociais. Este contexto serviralle para explicar o crack económico de 2007 e debuxar o panorama que deixou tras de si.
Moreno tratará de explicar o asedio ao modelo social europeo, artellado arredor dos valores de igualdade, redistribución dos bens e eficiencia produtiva, que foi a consecuencia dos procesos contemporáneos de conflito e cooperación do vello continente. E situará este cerco no marco da estratexia Europa 2020, no proceso do benestar social nunha Europa construída con diferentes modelos dos seus Estados membros.

Luis Moreno
Luis Moreno Fernández é doutor en Ciencias Sociais pola Universidade de Edimburgo. Foi membro fundador do Instituto de Estudios Sociales Avanzados, precursor da Unidade de Políticas Comparadas e do actual Instituto de Políticas y Bienes Públicos, onde imparte clase. Honorary Fellow da Universidade de Edimburgo, foi docente e investigador en diversas universidades europeas e norteamericanas, e Jean Monnet Senior Fellow no Instituto Universitario Europeo de Florencia. Concentrou as súas investigacións desde una perspectiva comparada en dous grandes campos de estudo: nas transformacións da política social e o estado do benestar; e na dimensión territorial do poder e a política. Os seus traballos científicos incidiron nos ámbitos das institucións e políticas sociais, a cidadanía, a descentralización, a Europeización, o federalismo, a gobernanza multinivel, as identidades colectivas, o Modelo Social Europeo e os nacionalismos.

O ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)
O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) é un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que o Consello da Cultura Galega vén organizando dende 2007. Este seminario, coordinado polo profesor Ramón Máiz, ten como obxectivo abordar os debates e investigacións máis recentes sobre as plurais nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta, Bartolomé Clavero, Lisa Wedeen, Anthony Pagden, Jorge Riechmann, Victoria Camps, Patrizia Violi ou Carmen Pena.