<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/2007/11/nova1.jpg" alt="" />
<div id="pedefoto"><em>Xoán Creus, Belinda Besada, Pablo Gallego, Alfonso Salgado e José Antonio Vázquez na mesa redonda de onte. Foto CCG</em></div>
<em>Santiago de Compostela, 23 de Novembro.-</em> As xornadas "A Arquitectura desde Galicia" concluíron con reflexións sobre a destrucción do territorio e a necesidade de planeamentos axeitados. A mesa redonda final, integrada por arquitectos da nova xeración, puxo tamén o acento na reivindicación do traballo e a función do arquitecto. "Para eso, entre outras cousas, iniciamos no Consello o proxecto "Cultura, arquitectura e identidade", afirmou o coordinador Iago Seara.<!--more-->"Non se pode planificar eliminando sen máis todo o existente", dixo Alfonso Salgado, que insistiu ademais na superación do que chamou falsa dicotomía rural-urbano. "Todo é urbano", veu dicir.
O moderador, Pablo Gallego, nun longo exordio, falou da necesidade da crítica e preguntouse se o arquitecto era quen de crear identidade. Falou tamén da que calificou como "xeración radar", a súa xeración, por aquelo da busca de referencias de non doada localización.
Xoán Creus concordou coa afirmación de Alfonso Penela sobre o carácter dinámico da identidade e a aseveración de que "o radar é o coñecemento, a técnica e a capacidade dos profesionais".
Belinda Salgado aludiu ao rol da sociedade e apelou á sensibilidade e á cultura para entender e superar os problemas e os desafíos que plantexa a relación co territorio e José Antonio Vázquez referiuse á necesidade de facer unha boa arquitectura.
O coordinador das xornadas e da Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega, Iago Seara, pechou a mesa e o ciclo referíndose "á pertinencia e a oportunidade" do proxecto "Cultura, arquitectura e identidade", posto en marcha hai xa tres anos e aínda non concluído.
A sesión, participativa e cargada de reflexións críticas, desenvolveuse nun salón de actos a tope con máis de cen persoas, que antes da mesa redonda seguiron as intervencións de Jesús Irisarri, Alberto Noguerol e Pilar Díez.

