----

O Consello da Cultura celebra o Día das Letras Galegas co seu tradicional concerto

No extenso e prolífico labor cultural de Filgueira Valverde, a música ten un protagonismo destacado. Foi un dos promotores da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e impulsor do Festival da Canción que se desenvolveu na cidade onde foi alcalde, entre moitos outros logros. Unha traxectoria que o Consello da Cultura Galega recupera no programa do seu tradicional Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o vindeiro sábado 16 no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra.

A iniciativa, que naceu para xuntar música, poesía e palabra arredor da figura homenaxeada en cada edición, acollerá a estrea dunha obra de Xavier de Paz sobre textos de Filgueira. As entradas pódense retirar a partir de mañá nos despachos de billetes das sedes de Afundación na Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

O concerto correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia coa participación da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, baixo a dirección de Maximino Zumalave. A soprano Carmen Durán e o barítono Gabriel Alonso Díaz interpretarán obras de Joly Braga Santos, Xosé Castro “Chané”, Antonio Iglesias Vilarelle e Xavier de Paz, partituras compostas sobre textos de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Xosé Filgueira Valverde. As entradas pódense retirar nos despachos de billetes das sedes de Afundación na Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, a partir do 8 de maio en horario de 09:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas. Na sede de Lugo o horario será de 18:00 a 21:00 horas. Desde o 15 de maio as entradas só estarán dispoñibles na Sede Afundación de Pontevedra.

Actos arredor do Día da Letras Galegas
O concerto encádrase dentro das actividades previstas polo Consello da Cultura Galega para celebrar o Día das Letras Galegas. A primeira delas tivo lugar en febreiro, cando se asinou un convenio para dixitalizar a extensa correspondencia que Xosé Filgueira Valverde mantivo con Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e a maior parte da intelectualidade galega do século XX e que repousa nos arquivos do Museo de Pontevedra. A dixitalización comprende o seu epistolario, nomeadamente as cartas con correspondentes de relevancia para a historia e a cultura de Galicia, como son Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego, Álvaro Gil Varela, Iglesia Alvariño, Prudencio Landín Carrasco, Florentino López Cuevillas, Antón Losada Diéguez, Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío (a correspondencia destes dous últimos persoeiros xa se pode consultar desde o web do Consello da Cultura Galega), entre outros. Pero tamén os papeis e notas persoais que documentan a relación de Filgueira Valverde con diferentes institucións culturais galegas, como son o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento e o Consello da Cultura Galega, así como material relacionado co Estatuto de Galicia e o seu labor no Partido Galeguista en Pontevedra. O número total de documentos, entre cartas e outros materiais, rolda os 20 000 e está prevista a súa posta a disposición do público ao longo deste ano.

A segunda das actividades foi en abril, cando se presentou a edición facsimilar de Os nenos, a primeira obra narrativa de Filgueira. Foi o vello profesor quen, sendo presidente do Consello da Cultura Galega, deseñou esta liña de libros conmemorativos arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas que agora protagoniza. Os nenos é unha obra conformada por quince relatos, con ilustracións do pontevedrés Luís Pintos Fonseca, o deseño da capa e da contracapa que lle fixo Castelao en 1925 para a que foi a primeira edición. Canda o texto, esta reedición conta con dous estudos críticos: un literario, a cargo de Fina Casalderrey, e outro artístico, de Miguel Fernández Cid, e incorpora sete ilustracións feitas por David Pintor. A edición pódese descargar desde o web do CCG e ten unha tiraxe de 500 exemplares numerados.

A traxectoria do concerto do Día das Letras Galegas
Desde hai cinco anos o Consello da Cultura Galega organiza o Concerto das Letras Galegas, proposta que busca unir textos e música co obxectivo de subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada. A proposta explora formatos diferentes cun nexo común: a estrea dunha obra para orquestra a partir de textos líricos. Por exemplo, en 2013, ao coincidir cos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, o CCG convidou a Asociación Galega de Compositores a crear unha obra musical (dun minuto de duración para un máximo de nove instrumentos) para cada un dos poemas da citada obra de Rosalía. O resultado foron 36 composicións que doce integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia interpretaron en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). O formato mudou en 2014, cando se presentou un programa enraizado en Lugo que serviu para ofrecer un crisol da creación musical culta galega ordenado cronoloxicamente: pezas de Pascual Veiga, Xoán Montes, Jesús Bal y Gay e Rogelio Groba sobre textos de Francisco María de la Iglesia, Aurelio J. Pereira, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde, quen, malia non ser lucense, exerceu docencia en Lugo. A estrea do ano pasado foi a versión musical de "Penélope" encargada ao músico santiagués afincado en Estados Unidos Octavio Vázquez.