Os servizos de normalización lingüística de doce concellos galegos presentan Apego, un proxecto de transmisión interxeracional do galego deseñado para fornecer recursos e crear espazos de uso que permitan a socialización en galego desde a primeira infancia. No web da iniciativa xa están accesibles diferentes recursos, consellos e información de interese para as familias. A maiores, as persoas que estean a agardar un bebé poden achegarse a calquera dos SNL dos concellos participantes e recibirán de agasallo unha caixa de recursos útiles para o tempo de espera.