<img src="http://consellodacultura.org/wp-content/blogs.dir/1/2007/11/des_intervintes_3.jpg" alt="" />
<div id="pedefoto"><em>Teresa Táboas, Luís Álvarez Pousa, Gabriel Ruiz Cabrero e Xosé Manuel Casabella interviron durante as sesións desta mañá.</em></div>
A Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, que esta mañá inaugurou no Consello da Cultura Galega as xornadas "A Arquitectura desde Galicia", xunto co Presidente da institución, Ramón Villares, felicitouse pola oportunidade dunha reflexión "sobre o feito arquitectónico e a súa influencia na sociedade, máis aínda por ser Galicia un país afectado por un progresivo deterioro do seu territorio".<!--more-->A Conselleira quixo deixar claros os obxectivos do departamento que dirixe: "atender as necesidades de vivenda da cidadanía, recuperar o noso patrimonio arquitectónico e traballar para ter cidades habitabeis e integradas".
Teresa Táboas expresou os seus parabéns ao Consello da Cultura Galega por ter organizado estas xornadas, coordinadas por Iago Seara, impulsor do proxecto "Cultura, arquitectura e identidade", que durante os tres últimos anos permitiu coñecer o traballo arquitectónico desenvolvido en diferentes espazos españois, portugueses e galegos.
Niste senso chamou a atención sobre o feito de que os cambios no entorno "sempre afectan á nosa identidade como pobo" e lembrou que desde os anos setenta, e cada vez con maior virulencia, os modelos de intervención no territorio "son irrespectuosos co entorno e, polo tanto, cos seus habitantes". E engadiu: "Determinadas prácticas do actual modelo socioeconomico, e mesmo da Arquitectura, están a destruir a memoria cultural que nos vencella coa nosa Historia e que é parte da nosa identidade".
Tendo eso en conta, a Conselleira de Vivenda animou aos arquitectos a crear e innovar e lembrou que a Arquitectura "ten que ser consciente e respectuosa co seu pasado, coa Historia, co patrimonio, coas tradicións e cos símbolos, ademais de establecer un diálogo coa sociedade e co tempo presente, un contínuo proceso de revisión e adaptación".
Na sesión da mañá interviu tamén o xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Luís Álvarez Pousa que reflexionou sobre a cidade como sistema de comunicación e referiuse á necesidade de revalorizar o espazo público, nomeadamente o urbano, así como o dereito da cidadania a participar nos procesos de urbanización e socialización".
Sobre a identidade falou despois Gabriel Ruiz Cabrero e cerrou esta primeira sesión Xosé Manuel Casabella, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, que houbo de sustituir a ausencia, inevitable, de Celestino García Braña, Decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

