----

O ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego destaca a necesidade de xestionar a cultura como un dereito da cidadanía

Como deseñar a programación dun teatro, que infraestruturas construír sobre un territorio ou que proxectos promover son exemplos de xestión cultural. Sobre este aspecto centrouse a segunda sesión do ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020 puxo sobre a mesa as necesidades e esixencias da xestión cultural. Alfons Martinell, director honorífico da Cátedra Unesco Políticas Culturais e Cooperación, enumerou algúns dos retos que ten ese traballo que, na súa opinión “ha de pensar máis no futuro e menos no pasado”. Canda el participaron João B. Serra, presidente da Fundação Cidade de Guimarães, Teresa Albuquerque, da Fundação Casa Mateus e o economista e consultor cultural Marcos Lorenzo que reforzaron a idea de que a cultura é un dereito do cidadán.
O ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego destaca a necesidade de xestionar a cultura como un dereito da cidadanía

Xosé López é o responsable dun ciclo que dedica tres sesións a reflexionar sobre os desafíos do sistema cultural galego desde tres puntos de vista diferenciados pero tamén complementarios. A sesión desta tarde estaba coordinada por María Xosé Agra, quen destacou na inauguración a necesidade de reflexionar sobre “o caso galego pero nun contexto europeo”.

“O sector cultural está cheo de incertezas” comezou a súa intervención Alfons Martinell para pasar a enumerar algúns dos retos do contexto actual. O primeiro deles, “asumir a idea de encargo social, é dicir, un encargo que lle fai a sociedade aos gobernos para que satisfagan as súas necesidades, que poden ser as clásicas, pero tamén modernas, que van xurdindo en función do contexto”. Para Martinell, que ten ampla experiencia na xestión cultural en ámbito público, o reto pasa por entender a cultura como xestión centrada nos resultados e non na burocracia, que pon o énfase no procedemento. Na súa intervención incidiu no feito de que o deseño das políticas culturais han de estar baseadas no dereito dos cidadáns a participar na vida cultural. A sustentabilidade das políticas, a concepción da cultura como un sistema e non como un sector, ter en conta os intereses xerais e ter a capacidade crítica para analizar a cultura son fundamentais para non perder a primeira liña do que a sociedade solicita.
Neste día interviron tamén João B. Serra, profesor do Politécnico de Leiria quen explicou en primeira persoa as dificultades e retos da xestión cando asumiu a Capital Europea da Cultura Guimarães no ano 2012 á fronte da Fundação Cidade de Guimarães. Canda el Teresa Albuquerque, da Fundação Casa Mateus e o economista e consultor cultural Marcos Lorenzo completaron a visión desta segunda sesión.

A perspectiva económica pechará o ciclo
Este ciclo está conformado por tres xornadas con tres enfoques diferentes para saber cales son as oportunidades ante un novo contexto europeo no que a cultura ten moito que dicir. Aínda que forman parte do mesmo ciclo, cada xornada ten un coordinador e relatores diferenciados que serven para darlle contidos a este tema de especial relevancia para a cultura galega.

A terceira e última sesión terá lugar o martes 16 de xuño para prestar atención ás industrias e ao mercado. A catedrática Margarita Ledo é a encargada de coordinar esta cita en que destaca a presenza de José Teixeira Coelho Netto, profesor de Política Cultural da Escola de Comunicação e Artes da Universidade de São Paulo e comisario da Bienal Internacional de Curitiba 2015.

A primeira sesión centrouse nas políticas culturais
A primeira cita tivo lugar o pasado 23 de marzo, nela Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán e consultor de numerosos gobernos no deseño de políticas culturais, centrouse na necesidade de implicar a cidadanía no deseño de políticas culturais no caso de procurar accións efectivas e duradeiras no tempo. O seu relatorio veu acompañado da participación de Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, quen destacou o peso da cultura nas decisións políticas. Ignacio Aguaded participou cun relatorio sobre educomunicación, é dicir, sobre estratexias educativas que lles ensinen aos escolares a comprender e asimilar as mensaxes dos medios de comunicación ante o exceso informativo.

Reflexións no seu contexto
O Consello da Cultura Galega xa promoveu dende finais de 2009 un proceso de debate e, mesmo, de “remuíño de ideas” arredor da situación da cultura galega, dos problemas que os seus actores identificaban como tales e das propostas de futuro que se poden albiscar. Máis de trescentas persoas participaron no proceso, tanto nos debates realizados en 2010 como nos cuestionarios remitidos polo equipo técnico, e cuxas conclusións deron lugar en 2011 ao documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Nesta ocasión, un lustro despois, son as políticas culturais, a xestión, a industria e o mercado cultural no horizonte Europa 2020 os que se someterán a debate. Trátase de tres xornadas de reflexión nas que contaremos coa presenza de relevantes investigadores que nos permitirán afondar nas claves do sector cultural galego nos vindeiros anos e dende unha perspectiva global.