----

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega participa no acto de homenaxe a Ramón Piñeiro

Ramón Piñeiro desenvolveu un papel básico na política e na cultura galega da segunda metade do século XX. Foi o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, fundador da Editorial Galaxia, codirector de Grial, entre moitas outras iniciativas. Este domingo cúmprense cen anos do seu nacemento e está previsto que se celebre en Compostela un acto de homenaxe á súa figura no que o Consello da Cultura Galega participa a través do seu vicepresidente, Francisco Díaz- Fierros.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Santiago celebran este domingo 31 de maio ás 12:00 da mañá unha homenaxe a Ramón Piñeiro. No transcurso deste acto procederase a descubrir unha placa conmemorativa no número 15 da rúa de Xelmírez, fronte á que foi a casa de Piñeiro. Alí estará presente Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega canda persoeiros do mundo da política e da cultura.

Ademais, aproveitando a efeméride, o Consello da Cultura Galega pon a disposición do público, a través do seu web, as cartas que intercambiou con Luís Seoane, como un exemplo da intensa correspondencia coa intelectualidade galega e política do seu tempo.