Son os centros encargados da custodia e catalogación do patrimonio documental e bibliográfico do país e nos últimos tempos a súa función veuse favorecida pola transformación social e tecnolóxica. O Observatorio da Cultura Galega constata neste Documento de Traballo o seu bo momento, con incremento de usuarios.
Unhas bibliotecas máis activas
De 17 511 postos de consulta dispoñibles en Galicia en 2009, pasouse a 18 320 en 2013. Un incremento que se produciu de xeito paralelo ao incremento de usuarios inscritos na Rede de Bibliotecas de Galicia, que subiu de maneira exponencial a partir de 2012. Foi nese ano cando se pasou de 698 797 a 822 384 usuarios. E, coa mellora da cifra de visitantes, tamén soben os préstamos efectuados, que suman 441 101 máis nese período.
O Observatorio da Cultura Galega constata, coas estatísticas da Rede de Bibliotecas de Galicia, unha mellora na dotación técnica e humana no período de referencia. No que ten que ver cos traballadores, pasouse de 362 a 898, sendo o grupo que máis medra o de bibliotecarios profesionais con dedicación plena. Mellora o número de fotocopiadoras, impresoras, escáneres e ordenadores aínda que se perde superficie de uso bibliotecario. Neste período medran en 1 061 787 os fondos, e increméntanse en 91 993 as adquisicións. O gasto público na Rede de Bibliotecas superou os 17,4 millóns de euros en 2013, sendo o 70% achegado polos concellos, o 24% pola Xunta, o 5% polas deputacións.
No que ten que ver coa transformación tecnolóxica das bibliotecas, mellorou o número de consultas aos fondos, a través do programa de xestión bibliotecaria MEIGA, que pasaron de 37 235 000 en 2009 a 84 940 906 en 2013.
Por último, o Documento de Traballo tamén contabiliza o número de prestatarios activos, é dicir, usuarios que solicitaron polo menos un préstamo, que en 2014 foron 49 362. As bibliotecas municipais de Narón, de Vilagarcía e de Cambre son as que teñen un maior dinamismo e encabezan a listaxe de centros, con máis de mil prestatarios activos.
Os arquivos
En Galicia existen 4221 arquivos, o que nos sitúa, cun 11,7%, na terceira comunidade autónoma con maior número de centros. Deles, 1485 son públicos e a maior parte dependen da Administración autonómica e do poder xudicial. Dos 2736 arquivos privados que hai en Galicia, 2464 son da igrexa, 14 de ámbito familiar e 258 de entidades privadas.
O emprego
Por último, o Documento de Traballo destina un apartado a analizar o emprego e o ensino neste tipo de centros. Con respecto á situación laboral, os datos de afiliacións á Seguridade Social amosan unha tendencia á baixa, motivada pola estacionalidade. Iso vai en paralelo cun descenso do número de matriculados, que, no caso de Biblioteconomía e Documentación, pasou de 60 a 2, entre 2009 e 2014.
Fonte dos datos
A principal fonte de información é o Censo-Guía de Archivos de España e Iberoamérica, elaborado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Os datos de bibliotecas nútrense da estatística da Rede de Bibliotecas de Galicia, responsabilidade da Xunta de Galicia, a través do Servizo do Sistema de Bibliotecas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Consulta o documento de traballo


