NOTICIA

----

A mocidade cantou a poesía de Ramón Cabanillas na terceira edición de No bico un cantar

Un concerto conformado por un coro de 350 nenos e nenas de toda Galicia puxo fin á terceira edición de “No bico un cantar”. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que xunta poesía, música e mocidade. O poeta elixido foi Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) polo que o concerto se celebrou na súa localidade natal, nun espazo tan emblemático como son os xardíns do Pazo de Torrado. Maximino Zumalave repetiu como director deste gran coro infantil que tivo un dos seus momentos máis destacados na estrea absoluta da versión musical do poema “Fala unha laverca”, que o CCG lle encargou á compositora Margarita Soto Viso. No inicio do concerto, o vicepresidente Francisco Díaz-Fierros anunciou que a vindeira edición desta proposta estará dedicada ás cancións dos xograres e trobadores medievais e se desenvolverá na Ría de Vigo.

O concerto estivo presidido por Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Luis Aragunde, alcalde de Cambados que incidiron no valor cultural e didáctico desta iniciativa que xuntou trescentos cincuenta nenos e nenas dos sete conservatorios profesionais de música de Galicia (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo) e da Escola Municipal de Música de Cambados. O acto estivo conducido pola escritora Rosa Aneiros, quen lembrou a importancia que tiña para Cabanillas o público infantil do que lembrou, que foi o autor da primeira publicación en galego para nenos. Este programa centrouse no poeta cambadés cando se cumpren cen anos da edición dunha das súa obras máis destacadas, Vento Mareiro (1915). O programa estaba conformado polos poemas “Pregaria”, “Fala unha laverca”, “Era un piniño novo”, “Aureana do Sil” e mais o poema de Rosalía de Castro “Maio longo”, que foron musicados por diferentes compositores recoñecidos da música culta galega, como son José Baldomir ou Eduardo Rodríguez-Losada, así como a versión que fixo o coñecido compositor catalán Frederic Mompou do poema “Aureana do Sil”, en homenaxe ás mulleres que buscaban ouro nos ríos galegos. Un dos momentos máis destacados do día foi a estrea absoluta de “Fala unha laverca”, sacado do poemario Da terra asoballada, no que ofrece unha dignificación mítica da terra, que o CCG lle encargou á compositora Margarita Soto Viso.

O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico, igual que o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorporou un músico para conformar un sexteto.

Unha intensa xornada cultural
Alén do concerto, o programa de No bico un cantar ten un carácter cultural moi destacado que arrincou pola mañá cunha serie de visitas culturais por Cambados e se completou por un paseo en barco pola ría.

No bico un cantar
Unha frase dun poema de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas recoñecidos da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumpría o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto, que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez. Nesa ocasión estrouse a versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha.

Neste ano 2015, o programa deseñado polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación conta coa colaboración do Concello de Cambados e o apoio de Vegalsa-Eroski.


Repertorio para coros
O Consello da Cultura Galega fixo diferentes encargas a compositores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis recentes destaca a de Xavier de Paz (A Coruña, 1963) que lle puxo música a dúas cantigas que Filgueira Valverde escribiu como contestación a Ángeles de Compostela, versos que lle dedicou ao pontevedrés o poeta, músico e mestre Gerardo Diego, e que se estreou no Concerto das Letras Galegas que tivo lugar o 16 de maio en Pontevedra. Esta iniciativa supón a elaboración continuada dun repertorio para coros que está dispoñible para todos os usuarios desde o web da institución.