NOTICIA

----

A transformación da industria e do mercado na cultura pecha o ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020

A situación do mercado e das industrias da cultura centraron a última sesión do ciclo Desafíos do ecosistema cultural galego ante a Axenda Europa 2020, unha proposta coordinada por Xosé López, encamiñada a coñecer o papel que desenvolve a cultura nas estratexias europeas. Nesta cita, José Teixeira, profesor de política cultural da Universidade de Sao Paulo debuxou, desde un punto de vista teórico o contexto actual das políticas culturais condicionadas pola mediación tecnolóxica transforma o mercado e a cidadanía cada vez máis saturada de contidos. Nesta última sesión, coordinada por Margarita Ledo, participaron Paz Castro da editorial Kalandraka, Emma Lustres da produtora Vaca Films e Asunta Rodríguez da Galeria Trinta que deron conta da súa propia experiencia práctica.

O marco teórico chegou da man de José Teixeira Coelho, profesor de política cultural da Universidade de Sao Paulo pero que tamén traballa na xestión cultural como comisario da Bienal Internacional de Curitiba 2015. Foi el quen debuxou o contexto conceptual no que se desenvolveu a sesión centrándose nos smartphones, aos que chamou “segundo cerebro do home do século 21 e que o home leva na súa man”. Na súa opinión a mediación tecnolóxica condiciona tanto o mercado como a industria e que lle da á cidadanía unha cantidade inxente de contidos, máis dos que pode consumir (que conceptualizou como acúmulos culturais) e no que tamén se perden os mediadores entre os produtores culturais e a masa. “A cultura é, cada vez máis, parte integrante do sistema de produción da economía” asegurou nunha intervención titulada “Desafíos da cultura no ecosistema comunicativo do século XXI”, na que tamén abordou outras idea como a fragmentación da cultura, a viralidade e a utopía cultural.
O punto de vista da industria chegou da man de Paz Castro, da editorial Kalandraka; Emma Lustres, da produtora Vaca Films (da súa factoría saíron filmes como Cela 211 ou O neno), e Asunta Rodríguez, responsable da Galería Trinta, que puxeron sobre a mesa as súas experiencias. Paz Castro debuxou o proceso de internacionalización e crecemento dunha empresa nacida en 1989 para dedicarase ao álbum ilustrado, e que agora conta con selos en varios países e participa nas feiras sectoriais máis importantes do mundo. Da industria cinematográfica falou Emma Lustres, que denunciou a falta dunha uniformidade de políticas culturais en toda Europa, cunha política fiscal para o cinema con grandes diferenzas e que puxo a Francia como modelo de traballo. Asunta Rodríguez puxo sobre a mesa as contradición do mundo da arte contemporánea a día de hoxe, onde o exceso de información se converteu en falta de información, no que a internacionalización derivou nunha perda do valor do local cunha redución drástica dos orzamentos xustificados pola crise.

Un ciclo en tres partes
Este ciclo estivo conformado por tres xornadas con tres enfoques diferentes para coñecer os diferentes puntos de vista da cultura nun novo contexto europeo no que a cultura ten moito que dicir. Cada xornada gozou dun coordinador e de relatores diferenciados que serviron para darlle contidos a este tema de especial relevancia para a cultura galega.

A primeira cita tivo lugar o pasado 23 de marzo, nela Pier Luigi Sacco, profesor de Economía da Cultura na Università IULM de Milán e consultor de numerosos gobernos no deseño de políticas culturais, centrouse na necesidade de implicar a cidadanía no deseño de políticas culturais no caso de procurar accións efectivas e duradeiras no tempo. O seu relatorio veu acompañado da participación de Xerardo Estévez, arquitecto e ex-alcalde de Santiago de Compostela, quen destacou o peso da cultura nas decisións políticas. Ignacio Aguaded participou cun relatorio sobre educomunicación; é dicir, sobre estratexias educativas que lles ensinen aos escolares a comprender e asimilar as mensaxes dos medios de comunicación ante o exceso informativo.

Na segunda sesión, realizada o 26 de maio, a énfase púxose na xestión cultural. Nesa ocasión, Alfons Martinell, director honorífico da Cátedra Unesco Políticas Culturais e Cooperación, incidiu no feito de que o deseño das políticas culturais ha de estar baseado no dereito dos cidadáns a participar na vida cultural. A sustentabilidade das políticas, a concepción da cultura como un sistema e non como un sector, ter en conta os intereses xerais e ter a capacidade crítica para analizar a cultura son, segundo Martinell, fundamentais para non perder a primeira liña do que a sociedade solicita. Nesta xornada tamén estiveron presentes João B. Serra, profesor do Politécnico de Leiria, quen explicou en primeira persoa as dificultades e retos da xestión cando asumiu a Capital Europea da Cultura Guimarães no ano 2012 á fronte da Fundação Cidade de Guimarães; Teresa Albuquerque, da Fundação Casa Mateus, e o economista e consultor cultural galego Marcos Lorenzo.

Reflexións no seu contexto
O Consello da Cultura Galega promoveu dende finais de 2009 un proceso de debate e, mesmo, de “remuíño de ideas” arredor da situación da cultura galega, dos problemas que os seus actores identificaban como tales e das propostas de futuro que se poden albiscar. Máis de trescentas persoas participaron no proceso, tanto nos debates realizados en 2010 como nos cuestionarios remitidos polo equipo técnico, e cuxas conclusións deron lugar en 2011 ao documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Nesta ocasión, un lustro despois, son as políticas culturais, a xestión, a industria e o mercado cultural no horizonte Europa 2020 os que se someterán a debate. Trátase de tres xornadas de reflexión nas que se contou coa presenza de relevantes investigadores que nos permitirán afondar nas claves do sector cultural galego nos vindeiros anos e dende unha perspectiva global.