“Setestreslo é o nome en galego da constelación coñecida como Osa Maior e o que escollemos para a divulgación deste proxecto” explicou Marilar Aleixandre na presentación desta canle que nace no seo da actividade da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade. Ten periodicidade cuadrimestral e combina textos xornalísticos sobre a actualidade, con textos de científicos galegos que explican en primeira persoa o seu traballo. “Galicia e as partículas elementais: de Schrödinger ao CERNA” é o tema que centra a primeira entrega desta proposta que se pode visualizar a través do portal web Culturagalega.gal. Durante esta semana o portal, dirixido por Manuel Gago, publicará diariamente unha reportaxe sobre esta materia que se reforza con viñetas gráficas de Santy Gutiérrez. Sobre o tratamento, Gago explicou que “buscamos ofrecer información pouco a pouco, combinando monográficos cuadrimestrais, con información de reportaxes de actualidade que permitan chegar a públicos diferentes”.
Iolanda Casal, xornalista especializada en divulgación científica, é a encargada dos textos xornalísticos deste proxecto que pretende “dar a coñecer a contribucións científica en clave galega”. Neste primeiro número participan Cibrán Santamarina Ríos, profesor do Departamento de Física de Partículas da USC; Patricia Conde, investigadora do Laboratório de Instrumentação e Física Experimental de Partículas (LIP) de Lisboa; e Xabier Cid Vidal, CERN Research Fellow, experimento LHCb.
Outra das especificidades desta canle é que, antes da saída do vindeiro número, os contidos maquetaranse en formato epub e pdf para que o usuario os poida ler en dispositivos móbiles como tabletas ou teléfonos.
Un libro branco da divulgación da ciencia en Galicia
O Consello da Cultura Galega presta especial atención á divulgación científica desde a súa creación. A través da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade realízanse xornadas e produtos de divulgación en todos os formatos. Neste momento está en fase de preparación un libro branco sobre a “Divulgación da ciencia en Galicia”, que recolle os diferentes formatos e modalidades de difusión da ciencia que hai en Galicia, a súa análise así como unha serie de recomendacións para mellorar a divulgación no noso país.
Dentro desa liña de traballo encádranse proxectos como o Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicas e científicos galegos; así como a publicacións de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, Vivir no solo ou ¿De quen é a auga?
Accede á canle

