O Consello da Cultura presenta Setestrelo, a súa canle de divulgación científica en Internet

Erwin Schrödinger foi un físico austríaco con importantes contribucións no mundo da física cuántica. En 1934 converteuse no primeiro Premio Nobel que visitaba unha Galicia que espertaba á ciencia. Coa crónica desa histórica visita, que acabou en traxedia, e outros temas de actualidade preséntase Setestrelo, a canle de divulgación científica do Consello da Cultura Galega (CCG). Unha proposta da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade que presentou esta mañá en rolda de prensa o vicepresidente do CCG, Francisco Díaz Fierros, quen destacou “a preocupación do Consello na divulgación científica xa que entendemos que ten que haber ciencia para haber tamén cultura”. Canda el estaban presentes os membros da sección Marilar Aleixandre e Iolanda Casal, xunto con Manuel Gago, director do portal de divulgación cultural Culturagalega.gal, no que se difunde esta nova canle.
O Consello da Cultura presenta Setestrelo, a súa canle de divulgación científica en Internet

“Setestreslo é o nome en galego da constelación coñecida como Osa Maior e o que escollemos para a divulgación deste proxecto” explicou Marilar Aleixandre na presentación desta canle que nace no seo da actividade da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade. Ten periodicidade cuadrimestral e combina textos xornalísticos sobre a actualidade, con textos de científicos galegos que explican en primeira persoa o seu traballo. “Galicia e as partículas elementais: de Schrödinger ao CERNA” é o tema que centra a primeira entrega desta proposta que se pode visualizar a través do portal web Culturagalega.gal. Durante esta semana o portal, dirixido por Manuel Gago, publicará diariamente unha reportaxe sobre esta materia que se reforza con viñetas gráficas de Santy Gutiérrez. Sobre o tratamento, Gago explicou que “buscamos ofrecer información pouco a pouco, combinando monográficos cuadrimestrais, con información de reportaxes de actualidade que permitan chegar a públicos diferentes”.
Iolanda Casal, xornalista especializada en divulgación científica, é a encargada dos textos xornalísticos deste proxecto que pretende “dar a coñecer a contribucións científica en clave galega”. Neste primeiro número participan Cibrán Santamarina Ríos, profesor do Departamento de Física de Partículas da USC; Patricia Conde, investigadora do Laboratório de Instrumentação e Física Experimental de Partículas (LIP) de Lisboa; e Xabier Cid Vidal, CERN Research Fellow, experimento LHCb.

Outra das especificidades desta canle é que, antes da saída do vindeiro número, os contidos maquetaranse en formato epub e pdf para que o usuario os poida ler en dispositivos móbiles como tabletas ou teléfonos.

Un libro branco da divulgación da ciencia en Galicia
O Consello da Cultura Galega presta especial atención á divulgación científica desde a súa creación. A través da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade realízanse xornadas e produtos de divulgación en todos os formatos. Neste momento está en fase de preparación un libro branco sobre a “Divulgación da ciencia en Galicia”, que recolle os diferentes formatos e modalidades de difusión da ciencia que hai en Galicia, a súa análise así como unha serie de recomendacións para mellorar a divulgación no noso país.
Dentro desa liña de traballo encádranse proxectos como o Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicas e científicos galegos; así como a publicacións de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, Vivir no solo ou ¿De quen é a auga?


Accede á canle