----

A Conselleira de Vivenda e Solo inaugura o día 21 as xornadas "A Arquitectura desde Galicia" no CCG

A Conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, Teresa Táboas, e o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaugurarán o día 21 ás 9´30 horas  as xornadas "A Arquitectura desde Galicia", organizadas pola Sección de Arquitectura do CCG e nas que durante dous días terán especial protagonismo os máis destacados arquitectos galegos.<!--more-->

No acto inaugural intervirá tamén Iago Seara, coordinador da Sección de Arquitectura e das xornadas, que forman parte do proxecto "Cultura, Arquitectura e identidade" desenvolvido durante os tres últimos anos e que permitiu coñecer o traballo realizado por arquitectos de diferentes espazos españois, portugueses e galegos.

As xornadas analizarán a arquitectura actual en Galicia atendendo a un estudo histórico e actual, crítico e contemporáneo, desde a teoría e a experiencia dos creadores galegos.

Nomes tan destacados como Andrés Fernández Albalat, César Portela, Manolo Gallego, Celstino García Braña ou Xosé Manuel Casabella darán a coñecer os seus relatorios nunhas sesións que prestarán asemade atención ao momento actual e á nova xeración de arquitectos cunha mesa redonda na que está prevista a intervención de Belinda Besada, Xoán Creus, Alfonso Salgado e José Antonio Vázquez.

Do interesa das xornadas fala o feito de que o cupo de asistentes, por riba dos cen, está cuberto desde hai varios días.


<a href="http://consellodacultura.org/?page_id=169">Máis información e programa completo</a>