Iago Seara, Marcial Gondar e Manuel Gago xunto cos representantes de 12 entidades de carácter local que se encargan da preservación e difusión do patrimonio cultural material e inmaterial constitúen o encontro de Patrimonio Cultural e Acción Social. Trátase dunha iniciativa que pretende coñecer en primeira persoa as necesidades e reflexións destas entidades no que ten que ver coas súas accións. O obxectivo deste encontro é crear unha primeira toma de contacto entre o CCG e estes movementos sociais, cada vez máis dinámicos. Ademais, preténdese identificar patróns comúns derivados do traballo destas entidades no ámbito patrimonial.
A esta xuntanza asiste unha representación de entidades que traballan nestas cuestións a nivel local como son Instituto de Estudios Miñoranos, O Sorriso de Daniel, patrimoniogalego.net, Mariña Patrimonio, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), Comunidades de Montes de Oia, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Federación de Cultura Marítima, Centro de Estudos Chamoso Lamas, Plataforma Castelo Monterrei e o proxecto colaborativo de conservación das medorras do Saviñao Á Luz das Mámoas.


