As xornadas Arte+ Coleccionismo concluíron poñendo de manifesto a necesidade do coleccionista como o gran motor da arte, que sustenta a galeristas e a artistas e permite preservar un patrimonio de futuro, alén da súa relevancia económica. A cita resultaba especialmente interesante polo contexto que vive o mundo da arte, marcado por unha fiscalidade adversa, polas reducións orzamentarias e tamén pola falta dun marco xurídico que regule o mecenado.
Entre a paixón e o mercado
A segunda xornada deu voz a coleccionistas, galeristas e mediadores na estrutura do sistema artístico que ofreceron un punto de vista personal e profesional sobre esta realidade. O galego Gabriel Pérez-Barreiro, director e comisario xefe dunha das coleccións máis destacadas de América Latina, expuxo os principios e a evolución da colección Patricia Phelps de Cisneros, moi destacada polo seu valor artístico e singular por non ter un centro físico de exhibición senón que opta, segundo as súas palabras, por “préstamos e alianzas institucionais que permiten que a colección teña máis difusión e estea en continuo movemento”. Canda el, Pilar Citoler, unha das referencias do coleccionismo e unha apaixonada da arte contemporánea que configurou unha das coleccións (Circa XX) máis relevantes do conxunto estatal, ofreceu en primeira persoa os motivos que a levaron a atesourar unha colección que supera o millar de pezas. “Fixen unha colección libre, mo plural en canto a autores, técnicas e materiais e que foi o gran esforzo da miña vida” apuntou Citoler.
Pola tarde, Carlos Urroz, director de ARCOmadrid, a feira de arte contemporáneo máis relevante de España para profesionais e un dos focos de negocio artístico máis destacado do país. A xornada completouse coas experiencias do coleccionista galego José Blanco, quen falou das características de conformar unha colección desde Galicia, xunto coa xestora cultural Rosario Sarmiento e o galerista Guillermo de Osma, que falaron da profesionalidade e da dinamización nunha relación de mediación dentro do sistema.
A primeira xornada: o marco xeral do coleccionismo
A primeira sesión estivo encamiñada a trazar o marco xeral do coleccionismo en España desde un punto de vista xeral coas achegas da investigacións da Fundación Arte y Mecenazgo, e desde un punto de vista máis concreto coas intervencións de responsables de centros que manteñen coleccións de diferente tipoloxía e orientación. Destacada foi a intervención de Mercedes Basso, directora da Fundación Arte y Mecenazgo, entidade pioneira e única en España que pretende estimular o coleccionismo a través da investigación e acción de moi variado ámbito. Para Basso hai moitos tipos de coleccionistas pero comparten trazos comúns como “o amor á arte, a compra como investimento e a necesidade de conservación”. A través das investigacións da entidade que dirixe puxéronlle cifras ao mercado da arte en España (nun informe pioneiro elaborado antes da suba do IVE cultural) e concluíu que o “máis importante para o fomento do coleccionismo é a educación”. Os casos concretos abríronse con José María Luna, director de equipamentos museísticos e culturais de Málaga, que explicou como esta cidade andaluza conseguiu atraer franquiciados de grandes centros, como é o caso do Hermitage, o Museo Estatal Ruso, que abriu alí a súa primeira filial en España. Xa pola tarde, Evelio Acevedo, director xerente do Museo Thyssen baixo o título “Coleccionismo. Por amor á arte?” trazou a evolución da historia do coleccionismo. Completaron ese perfil as intervencións de Alfonso de La Torre, conservador da colección Circa; Enrique Moral Sandoval, director da Fundación AENA; e Cristina Fontaneda, directora do Museo Patio Herreriano, que explicaron en primeira persoa os retos e as dificultades de crear unha colección.
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Está coordinada por Marisa Sobrino e integrada por artistas, críticos e xornalistas como Natalia Poncela, Chus Martínez, Camilo Franco, Miguel Anxo Prado, Federico López Silvestre e Almudena Fernández Fariña. Entre as súas actividades destaca a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, que veu a luz en 2010 e que consiste nunha base de datos actualizada, un directorio e centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Proximamente presentarán Arte+mulleres. Creadoras galegas unha análise centrada na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia, desde 1990 ata 2013.


