O orzamento do Consello da Cultura Galega para o vindeiro ano ascende a 2 415 833 euros, 41 386 máis que en 2015. Con ese importe, que Villares cualificou de “continuista aínda que cun pequeno repunte”, o CCG ocuparase da figura de Manuel María a través do seu tradicional Concerto das Letras Galegas e a reedición da súa obra Advento. O vindeiro ano tamén terá lugar o inicio dun ciclo sobre as Irmandades da fala, a coincidir co centenario da súa creación e que se prolongará ata 2018. O programa servirá para facer unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento. “Propoñemos un traballo que inclúe un álbum de persoeiros, dúas exposicións e varios seminarios de carácter internacional que atenderán á relación das Irmandades co contexto español, europeo e iberoamericano” indicou.
Entre o Plan de Actividades para 2016, o presidente destacou a exposición Galicia 100, que representa a idea de Galicia a través de cen obxectos e que está en fase de musealización. Avanzou que se inaugurará en maio de 2016 en Santiago desde onde iniciará unha itinerancia por Galicia. O dicionario de artes escénicas e a participación na Feira do Libro de Bos Aires son outras das liñas de actuación programadas.
Ademais, o presidente lembrou que o Consello da Cultura Galega acollerá en 2016 a xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) un encontro que se centra na diáspora e na identidade cultural que, para o presidente do Consello da Cultura Galega “servirá para conectar os problemas de Galicia cos problemas xerais relacionados cos movementos migratorios actuais”.
Xustificación dos gastos 2015
No ano en curso, o CCG acolleu un total de 56 actividades, un número semellante a de edicións anteriores. A metade delas desenvolvéronse na súa sede institucional (Ciclos sobre os populimos, sobre os Desafíos do Ecosistema Cultural Galego, entre outras propostas) e un 32% fixéronse fóra, incrementándose con respecto a anos anteriores. Tamén sobe o número de propostas que outras entidades organizan no Consello da Cultura, reforzando ese papel de ser “a casa de todos”.
Entre as propotas en curso pendentes de ser celebrar, o presidente destacou a exposición Galicia Imaxinada, que se inaugura o vindeiro martes na Casa Galega da Cultura en Vigo. “É un recoñecemento de como vían Galicia os intelectuais, os artistas, os escritores e outros creadores a través das revistas publicadas na emigración” apuntou.
Ramón Villares destacou o traballo asesor como “un labor fundamental destinado tanto aos poderes públicos como ás asociacións e outras entidades”. No marco deste cometido fundacional destacou o informe sobre o anteproxecto da Lei de Patrimonio de Galicia no marco dunha liña de traballo institucional preocupada por fomentar o recoñecemento e a conservación do patrimonio. Ademais, incidiu na difusión deste coñecemento a través da rede con iniciativas como Gallaeciae Monumenta Histórica e as novas formas de difusión das publicacións en dixital.
Pola súa parte, Agustín Baamonde do Partido Popular, Emilio Vázquez Blanco, do PsdG-Psoe, Xabier Ron de Alternativa Galega de Esquerda e Ana Pontón do Bloque Nacionalista Galego valoraron positivamente a acción desenvolvida pola institución no marco das súas intervencións.


