Resólvense os Premios San Martiño de Normalización Lingüística
9/11/2015
A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados dos XXV Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego. Os premiados nesta edición son o clube estradense de fútbol gaélico Irmandinhos, na categoría “A Estrada e Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”; a cooperativa Feiraco, na categoría “Galicia enteira”; e o catedrático de Dereito Mercantil da USC José Antonio Gómez Segade, na categoría “Toda unha vida”. Os galardóns serán entregados nun acto público que terá lugar o vindeiro 24 de novembro no Teatro Principal da Estrada.