NOTICIA

----

A mostra sobre a repercusión internacional de Valle–Inclán chega á Pobra cando se cumpren 150 anos do seu nacemento

Este 2016 cúmprense 150 anos do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936). Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega celebra con novos destinos para a exposición “Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1930-1936]”, que dá conta da dimensión internacional deste escritor a través das traducións das súas obras a outras linguas. O primeiro destino deste ano é a Pobra do Caramiñal, no museo que leva o nome do escritor e que hoxe inauguran o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, a comisaria desta mostra, Rosario Mascato e o alcalde desta localidade, Xosé Lois Piñeiro.

A exposición, que estará aberta ao público ata o 9 de febreiro, está formada por catorce paneis que recuperan a imaxe menos coñecida de Valle-Inclán: nela pódese ver o proceso de difusión da súa obra no ámbito internacional a raíz das súas traducións. Este punto de partida permite apreciar, en palabras da comisaria, “o carácter diferencial da proposta valleinclaniana a nivel internacional, derivada fundamentalmente da súa concepción galega da vida e da arte; a relevancia da figura do intelectual comprometido que se desprende da recepción da súa figura a partir de 1915, primeiro en Francia e, despois, en Italia e en Rusia”.
A exposición ofrece unha síntese da traxectoria do escritor, divulgando a súa relación co galeguismo e as múltiples vías de intervención que utilizou na política, na cultura e na sociedade do seu tempo. Así mesmo, recupera unha imaxe do escritor pouco coñecida, a máis internacional, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de moi diversas orixes.
“Outros verbos-novas lecturas: Valle-Inclán traducido” exhibe en catorce paneis os múltiples lazos de Valle-Inclán co mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), con Europa (Francia, Portugal e Italia) e, tamén, cos países do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que estaban nestes países). A súa obra foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.

Unha exposición en itinerancia
A exposición, inaugurada no Claustro Alto do Pazo de Fonseca en 2014 fai recalada en Vilanova logo de estar na Academia de España en Roma, na sede do Instituto Cervantes de Lisboa e na Residencia de Estudiantes de Madrid.