A figura de Manuel María e as Irmandades da Fala centran a programación do Consello da Cultura Galega para este 2016. En total acollerá preto de cincuenta actividades, cun orzamento que ascende a 2 415 833 euros, 41 386 máis que en 2015. Con respecto ao homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, a institución celebrará o seu tradicional concerto e reeditara a obra de Manuel María Advento. No que ten que ver coas Irmandades, o CCG celebrará o seu centenario cun programa de actividades que fará unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento e que se concreta nun álbum web de persoeiros, dúas exposicións e varios seminarios de carácter internacional que atenderán á relación das Irmandades co contexto español, europeo e iberoamericano. Estas actividades desenvolveranse entre 2016 e 2018, coincidindo co centenario da creación e expansión deste movemento. A primeira cita terá lugar en outubro, baixo a coordinación de Xosé Manuel Núñez Seixas, e centrarase nas nacionalidades na Europa de entreguerras.
Un programa variado: identidade e emigración
A programación de actividades destaca por exhibir unha concepción da cultura ampla cunha gran variedade temática. Haberá unha nova edición de propostas xa habituais do calendario como o programa “No bico, un cantar”, que xunta no primeiro venres de xuño poesía e mocidade; este ano terá lugar en Cangas e versará sobre os poetas medievais galegos. Os Encontros pola Normalización Lingüística trasládanse ao mes de abril e a Comisión de Igualdade terá a súa xornada de homenaxe a unha muller destacada para a cultura galega, que este ano será Kathleen Nora March.
Ademais, están previstas actividades sobre a “Dieta atlántica e a cultura”, a “Publicidade en galego”, a “Dobraxe cinematográfica”, o “Teatro escolar” e a “Cultura, creación e dereitos de autor”. A comunicación terá un protagonismo especial cun seminario sobre a cabeceira A Nosa Terra e o xornalismo en galego, outro sobre os desafíos para a cultura en rede e outro sobre os retos da comunicación cultural.
Entre as propostas programadas, destaca a exposición Galicia 100, que representa a idea de Galicia a través de cen obxectos. Está en fase de musealización e inaugurarase en Santiago no mes de maio.
Proxección exterior da cultura galega
Outra das liñas de traballo nas que o Consello da Cultura Galega leva incidindo ten que ver con situar a cultura galega no mundo. Potenciarase en 2016 coa participación na Feira do Libro de Bos Aires, cunha nova edición do programa “Conversas na raia”, que este ano se centrará no aspecto musical, e coa presenza na Semana da Cultura Galega en Braga.
Santiago de Compostela acollerá en setembro a xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), un encontro que aborda a relación entre a diáspora e a identidade cultural. Ademais, no marco desta liña, haberá novos destinos para as exposicións que actualmente ten en marcha o Consello da Cultura Galega.


