O concello asturiano da Veiga recoñece o galego como lingua propia
15/1/2016
O Concello da Veiga, no territorio estremeiro do Eo-Navia, aprobou no último pleno ordinario do ano 2015 a “Ordenanza municipal pral uso da lengua galego-asturina nel conceyo da Veiga”. Nesta norma recoñécese que a lingua galego-asturiana é, xunto co castelán, a lingua propia do concello da Veiga, da Administración local e das corporacións públicas que dependen dela. Así mesmo, recoñece o dereito da cidadanía a usar o galego-asturiano nas súas relacións e actuacións administrativas co concello e a recibir, na medida do posible, as comunicacións, notificacións e resolucións administrativas en versión bilingüe (castelán e galego-asturiano). A efectos xurídicos, terase por plenamente válido o uso do galego-asturiano nas comunicacións orais e escritas da cidadanía co concello, e o rexistro municipal poderá rexistrar documentos nesta lingua. Para ampliar información sobre a realidade sociolingüística do occidente asturiano, podes consultar o “Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia”, elaborado no 2007 pola Asociación Abertal.