----

Novo vocabulario en galego sobre o ámbito da criminoloxía

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela presenta o Vocabulario de criminoloxía (galego-español-inglés), coordinado por Xusto Rodríguez Río, técnico do SNL, e os profesores Gumersindo Guinarte e Fernando Vázquez-Portomeñe, do Instituto de Criminoloxía da USC. A obra compila 1.880 conceptos básicos dos diversos ámbitos das ciencias criminolóxicas, xunto coas súas denominacións en galego, español e inglés. Este traballo súmase á colección de vocabularios e glosarios especializados que a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC vén elaborando desde o ano 1993.