O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago analiza no último número d´O Cartafol os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2015-2016, obtidos da análise dos plans de ordenación docente (POD) anuais dos departamentos. En termos xerais, impártense en castelán o 75,31% das horas docentes, en galego o 21%, en inglés o 1,90%, en portugués o 0,36% e noutras linguas (francés, italiano, alemán) o 1,44%. Tamén se ofrece información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.