----

O ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) aborda a crise do estado do benestar con Luis Moreno

Moitas das conquistas sociais que parecían irreversibles desapareceron nos últimos anos. O estado do benestar atravesa unha crise severa marcada por un individualismo posesivo e unha Europa asocial, tal e como explicará nunha conferencia o sociólogo e politólogo Luis Moreno. A cita terá lugar este xoves 3 de marzo (17:00 horas) e insírese no ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), seminario do Consello da Cultura Galega coordinado polo profesor Ramón Máiz. A cita programouse inicialmente en 2015 e tivo que ser adiada por mor da cancelación do voo que impediu a Moreno ofrecer a conferencia.

“Os individuos asociais son alérxicos ao estado do benestar, e só aceptan unha versión residual deste con mínimo custo e máximo beneficio para eles”, esta cita forma parte do texto que Luis Moreno defenderá este xoves no Consello da Cultura Galega. Nel fai referencia á evolución dun individualismo posesivo, liberado das súas raizames colectivas, desenvolvido no marco dunhas políticas asociais. Este contexto serviralle para explicar o crack económico de 2007 e debuxar o panorama que deixou tras de si.

Moreno tratará de explicar o asedio ao modelo social europeo, artellado arredor dos valores de igualdade, redistribución dos bens e eficiencia produtiva, que foi a consecuencia dos procesos contemporáneos de conflito e cooperación do vello continente. E situará este cerco no marco da estratexia Europa 2020, no proceso do benestar social nunha Europa construída con diferentes modelos dos seus Estados membros.

Luis Moreno
Luis Moreno Fernández é doutor en Ciencias Sociais pola Universidade de Edimburgo. Foi membro fundador do Instituto de Estudios Sociales Avanzados, precursor da Unidade de Políticas Comparadas e do actual Instituto de Políticas y Bienes Públicos, onde imparte clase. Honorary Fellow da Universidade de Edimburgo, foi docente e investigador en diversas universidades europeas e norteamericanas, e Jean Monnet Senior Fellow no Instituto Universitario Europeo de Florencia. Concentrou as súas investigacións desde una perspectiva comparada en dous grandes campos de estudo: nas transformacións da política social e o estado do benestar; e na dimensión territorial do poder e a política. Os seus traballos científicos incidiron nos ámbitos das institucións e políticas sociais, a cidadanía, a descentralización, a Europeización, o federalismo, a gobernanza multinivel, as identidades colectivas, o Modelo Social Europeo e os nacionalismos.