----

O Consello da Cultura Galega e o CGAI celebran o Día da Muller Traballadora cun ciclo de cine

“Olladas de mulleres no mundo” é o título dun ciclo de cinema co que o Consello da Cultura Galega(CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) pretenden amosar o traballo de actrices, directoras ou produtoras de cine. Arrinca o 8 de marzo, o Día da Muller Traballadora, e permite ver a través de proxeccións e coloquios o cinema feito tanto en Galicia coma noutras partes do mundo desde unha perspectiva de xénero. As galegas Diana Toucedo e Xisela Franco xunto coa realizadora belga Chantal Akerman, recentemente falecida, conforman o programa desta edición.

Olladas desde Galicia pero tamén para Galicia. Son as dúas liñas de traballo dun ciclo xa habitual no calendario do CGAI do mes de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller. Nesta ocasión, os traballos de Diana Toucedo, Illa Bufarda e Xisela Franco exhibirán unha mostra da creación galega actual. Ademais, o ciclo tamén ofrecerá unha homenaxe á realizadora belga Chantal Akerman (1950-2015), finada hai uns meses, da que se proxectarán dous traballos que xiran arredor da súa relación coa nai: dunha banda, a versión restaurada de “News from Home” (1977) e, da outra, “No Home Movie (2015), a súa última longametraxe. O programa complétase con “Paulina. La patota” de Santiago Mitre, remake do thriller arxentino do mesmo nome que dirixiu Daniel Tinayre en 1961, que chega ao ciclo tras acadar varios premios en distintos festivais (Cannes e San Sebastián).

A programación
O ciclo arrinca mañá martes, 8 de marzo, ás 20:30 horas, coa proxección de “En todas as mans”, documental de Diana Toucedo arredor dos montes veciñais en man común. Encarna Otero, membro da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura, será a encargada da presentación.

O mércores 9, ás 18:00 horas, terá lugar a proxección de “Fíos Fóra”, o documental de Illa Bufarda sobre o traballo das mulleres galegas no sector téxtil nos anos 60. Na sesión das 20:00 horas proxectarase "News from home" de Chantal Akerman. Este filme componse de planos da cidade de Nova York sobre os que a voz de Akerman le as cartas que lle enviou á súa nai nos anos que viviu na cidade (entre 1971 e 1973).

As dúas sesións (18:00 e 20:00 horas) do xoves 10 permitirán ver o último filme da realizadora belga, "No home movie", no que reconstrúe a historia da súa nai desde un punto de vista moi persoal.

O venres 11 proxectarase o polémico filme de Santiago Mitre “Paulina. La patota”, que narra a historia dunha avogada que traballa nun programa de defensa dos dereitos humanos nunha periferia urbana e que un día é atacada por unha “patota” (pandilla).

Tres traballos de Xisela Franco (“Cruz Piñón”, “Santiago, olladas de perfil” e “A última batea”) poñen fin a este ciclo na xornada do sábado.

Comisión de Igualdade
Este ciclo de cine enmárcase nas áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Unha sección coordinada por María Xosé Agra Romero e que conta con membros como Narciso de Gabriel, Ana Romaní Blanco, Uxía Senlle, Nieves Santomé Couto, Encarna Otero Cepeda ou Carme Vidal Lage. O seu obxectivo é elaborar vías e medidas para achegar, tanto a nivel de investigación como de divulgación, as contribucións das mulleres á cultura galega e universal, dando forma a propostas que contribúen á incorporación plena das mulleres e das súas producións no decorrer da dinámica sociocultural galega: na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas de fala, no ensino máis e menos formalizado, na Galiza interior e na exterior e, en definitiva, en todos os ámbitos de relacións sociais. Entre as súas actividades destacan a organización das xornadas “Xénero e Documentación”, que pretenden pór a disposición do público información arredor desta materia; a homenaxe anual a mulleres vivas cun traballo relevante e que neste 2016 recae en Kathleen Nora March, así como a elaboración e difusión do Álbum de Mulleres.

Todas as proxeccións terán lugar na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe.