----

Seminarios e exposicións centran a actividade do Consello da Cultura para o centenario das Irmandades da Fala

Tres seminarios, dúas exposicións e un proxecto web. Este ó conxunto de actividades coas que o Consello da Cultura Galega participa na programación que celebra o centenario das irmandades da Fala dado a coñecer esta mañá no Museo do Pobo Galego. Ramón Villares, presidente do CCG, detallou a as actividades da institución ao tempo que anunciou que se trata dunha conmemoración “precisa, necesaria e obrigada”. O acto estivo presidido polo Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e asistiu o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o presidente do Padroado do Museo do Pobo, Xusto Beramendi, e os representantes doutras entidades.

O acto celebrado esta mañá pretendía difundir a programación das actividades previstas por numerosas entidades, entre as que estaba o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo, as fundacións Losada Diéguez, Antón Fraguas e Manuel María, entre outras.
No caso concreto do Consello da Cultura Galega, o 22 de xullo de 2015, o Plenario da institución aprobou un amplo programa de actividades que se inicia en 2016 e que se estenderá ata 2018 en paralelismo coa notable expansión que as Irmandades da Fala amosaron entre 1916 e 1918. O programa pretende facer unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento e situalo no contexto español, europeo e na súa relación co mundo da emigración.
Tres seminarios
As nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nacións: o contexto internacional das Irmandades da Fala. Baixo a coordinación do profesor Xosé Manuel Núñez Seixas, profesor da Universidade de München e da Universidade de Santiago de Compostela, analizaranse as Irmandades da Fala en clave europea co estudo das nacionalidades da época de entreguerras. Este congreso ten previsto a súa celebración en outono desde 2016.
Cultura e política na España do primeiro terzo do século XX: nacionalismos culturais e políticos, o exemplo das Irmandades da Fala. Nesta cita, prevista para o vindeiro ano, preténdese afondar na cultura e na política do primeiro terzo do século XX.
Galicia-América, unha viaxe de ida e volta: Ecos das Irmandades da Fala fóra de Galicia. En 2018 pecha o ciclo un seminario centrado na relación das Irmandades co movemento migratorio.

Dúas exposicións
As sociedades corais nos tempos das Irmandades da Fala. Esta mostra, programada para principios de 2017, pretende facer unha revisión do período das Irmandades a través das sociedades corais que impulsaron e promoveron para a normalización da lingua e a cultura de Galicia. A mostra céntrase principalmente nos catro coros históricos que manteñen a súa actividade artística: a Coral de Ruada (Ourense), Cántigas da Terra (A Coruña), Cantigas e Agarimos (Santiago) e o coro Toxos e Froles (Ferrol). A exposición achega documentación variada que abrangue partituras, vestiario, escenografía, libretos… que dan conta da súa faceta musical e teatral.

Alba de Gloria: sobre a "simbólica nacional galega". Coincidindo co setenta aniversario do célebre discurso político de Alfonso Castelao coñecido como “Alba de Gloria”, pronunciado o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires, a exposición pretende amosar as sesenta e catro personalidades que Castelao cita nesa alocución como as grandes figuras da historia de Galicia.

un proxecto web
Baixo o nome Álbum das Irmandades ofrecerase información de persoeiros que formaron parte deste movemento e que se sitúa na liña de traballo doutros álbums desenvolvidos pola institución (Álbum da ciencia, Álbum de mulleres…). Permitirá coñecer as biografías, así como material complementario, de preto dunha trintena de integrantes, entre os que figuran nomes como Antón Vilar Ponte, Alfonso Castelao, Lugrís Freire ou Manuel Antonio. Ademais, contará con información de contexto do período en que agromou este movemento.