O Teatro Rosalía de Castro é o escenario no que terá lugar o vindeiro 17 de maio a sexta edición do Concerto das letras Galegas. “Será o propio Día das Letras como remate dos actos académicos e o inicio do ano das Irmandades da Fala” contextualizou Ramón Villares. Moncho García, integrante de Milladoiro, lembrou os vínculos da formación coa cidade herculina. “Será unha cita especial xa que é volver á cidade onde naceu Milladoiro o 19 de maio de 1979 e onde colleu pulo” indicou. O coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do CCG, Maximino Zumalave, enmarcou o concerto na súa traxectoria e destacou o cambio de formato desta proposta que cumpre seis edición.
O Concerto das Letras Galegas consistirá nesta ocasión nun concerto de Milladoiro cun programa no que, alén de repasar a súa traxectoria, ofrecerá varias pezas do disco titulado “Unha estrela por guía”. Editado en 2007, consistía nunha homenaxe ao poeta lucense e percorría musicalmente libros como “Cancións do Lusco ao Fusco”, “Sonetos á casa de Hortas” ou “As rúas do vento ceibe”. O concerto será gratuíto e as entradas poñeranse a disposición do público en breve.
Un concerto a cargo dunha formación senlleira
Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Manuel Riveiro, Harry e Manu Conde son os integrantes actuais desta histórica formación que leva preto de corenta anos de traxectoria, máis de vinte discos propios e outros dez en colaboración con outras entidades. Ten no seu haber preto de vinte premios, entre os que destaca o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba ou o primeiro Goya que recibiu o audiovisual galego. Ao longo desta dilatada traxectoria, Milladoiro actuou nos principais escenarios de todo o mundo, como o Teatro Nacional Cervantes en Bos Aires, o Irish Center Auditorium de Chicago, o Kefferson Auditorium de Newark ou o Gaiety Theatre de Dublin.
Actos arredor do Día da Letras Galegas
O concerto encádrase dentro das actividades previstas polo Consello da Cultura Galega para celebrar o Día das Letras Galegas, entre as que tamén destaca a reedición da obra de Manuel María “Advento”, editada inicialmente por Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires e con cuberta de Luís Seoane.
A traxectoria do concerto do Día das Letras Galegas
Desde hai seis anos o Consello da Cultura Galega organiza o Concerto das Letras Galegas, proposta que busca unir textos e música co obxectivo de subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada. A proposta explora formatos diferentes cun nexo común: a estrea dunha obra para orquestra a partir de textos líricos directamente relacionada co homenaxeado en cada ocasión.
En 2013, ao coincidir cos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, o CCG convidou a Asociación Galega de Compositores a crear unha obra musical (dun minuto de duración para un máximo de nove instrumentos) para cada un dos poemas da citada obra de Rosalía. O resultado foron 36 composicións que doce integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia interpretaron en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). En 2014, o Concerto das Letras Galegas presentou un programa enraizado en Lugo, que serviu para ofrecer un crisol da creación musical culta galega ordenado cronoloxicamente: pezas de Pascual Veiga, Xoán Montes, Jesús Bal y Gay e Rogelio Groba sobre textos de Francisco María de la Iglesia, Aurelio J. Pereira, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde, quen, malia non ser lucense, exerceu docencia en Lugo. A estrea dese ano foi a versión musical do poema “Penélope" de Xosé María Díaz Castro que fixo Octavio Vázquez , o músico santiagués afincado en Estados Unidos. O ano pasado, a estrea consistiu na versión musical de dúas cantigas que Filgueira Valverde lle dedicou a Gerardo Diego e que compuxo Xabier de Paz.


