O Consello da Cultura Galega renova a composición do seu Plenario

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán do xoves 7 de abril unha sesión plenaria na que aprobou cambios na súa composición. Nesta ocasión procedeuse a nomear os membros por designación das institucións que conforman o CCG e que se produce por cumprimento da Lei de creación da institución e do seu regulamento, cada dous anos. Ademais, tamén se aprobaron as próximas actividades, así como os informes das seccións e comisións que deron conta do seu funcionamento.
O Consello da Cultura Galega renova a composición do seu Plenario

No Pleno celebrado este xoves renovaron no seu posto os representantes da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, José Antonio García Caridad; do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez; do Instituto de Estudos Xacobeos, Segundo Pérez; da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; da Fundación Barrié, José María Arias, e da Fundación Penzol, Julio Souto. No caso dos representantes das universidades, entra no Plenario a Universidade de Santiago de Compostela, que designa ao seu reitor, Juan Viaño, e no caso da Universidade da Coruña incorpórase o novo reitor, Julio Abalde Alonso, que desculpou a súa asistencia á sesión. Ademais, a Real Academia Galega de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario decidiu que a represente o seu presidente, Manuel Quintana Martelo.

O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello da Cultura Galega. Os cambios da súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e do Decreto 162/2008, do 10 de xullo, que establece a renovación, por metades, dos representantes das entidades. Compételle a elas a elección da persoa que as representará no Plenario do Consello da Cultura Galega.

Próximas actividades
Alén das remudas na composición, aprobáronse as próximas actividades. Entre as máis destacadas figura a exposición Galicia 100, que constrúe un relato de Galicia en cen obxectos da súa historia e que se inaugurará en Santiago no mes de maio.
Entre as actividades para celebrar o Día das Letras, a institución celebrará o seu tradicional concerto. Nesta ocasión, varía o formato e consistirá nun concerto de Milladoiro cun programa no que, alén de repasar a súa traxectoria, ofrecerá varias pezas do disco titulado “Unha estrela por guía”. Editado en 2007, consistía nunha homenaxe ao poeta lucense e percorría musicalmente libros como “Cancións do Lusco ao Fusco”, “Sonetos á casa de Hortas” ou “As rúas do vento ceibe”. Ademais, reeditarase a obra “Advento”.
No que ten que ver coas Irmandades, no segundo semestre o CCG celebrará o primeiro dos tres seminarios previstos para conmemorar o centenario deste movemento. Coordinado por Xosé Manuel Núñez Seixas, centrarase nas nacionalidades na Europa de entreguerras. Ademais, haberá novas publicacións de biografías de persoeiros no Álbum web, que arrincou o pasado mes de marzo.

Na programación de actividades do segundo semestre, a Comisión de Igualdade organizará a súa habitual xornada de homenaxe a unha muller destacada para a cultura galega, que este ano recae na figura de Kathleen Nora March. Tamén están previstas actividades sobre a “Dieta atlántica e a cultura”, a “Publicidade en galego”, a “Dobraxe cinematográfica” e a “Cultura, creación e dereitos de autor”. A comunicación terá un protagonismo especial cun seminario sobre a cabeceira A Nosa Terra e o xornalismo en galego.
Ademais, en setembro terá lugar a xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), un encontro que aborda a relación entre a diáspora e a identidade cultural.