O programa de intercambio de investigadores e creadores permitiralles a dúas persoas desenvolver unha estadía de tres meses nas instalacións Casa de Velázquez. Durante ese tempo, as persoas beneficiarias desas bolsas realizarán un traballo de investigación e de creación artística axustado a unha memoria-proxecto en que se valorará a relevancia para a proxección da cultura galega. Estas bolsas créanse en homenaxe á actriz María Casares, que foi o máximo expoñente da presenza da cultura galega en Francia.
A Casa de Velázquez encárgase da estadía e de poñer a disposición dos beneficiarios da bolsa os espazos de traballo e de documentación dos que dispón. Pola outra parte, o Consello da Cultura Galega ofrecerá unha axuda de custo.
Para ambas as dúas bolsas, a persoa beneficiaria deberá estar en posesión dun título universitario e presentar unha memoria-proxecto. No caso da bolsa de investigación, a proposta ha de pertencer ao ámbito das ciencias humanas e sociais, cuxas fontes ou terreo de referencia se atopen en Madrid, e terá que ver coa cultura e a historia de Galicia e coa proxección da cultura galega, notablemente no mundo francófono. Para a bolsa de creación (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo ou composición musical), a persoa candidata deberá estar avalada por un responsable dun centro de creación, dun museo ou dun conservatorio. No proxecto de creación deberase xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega.
Esta liña de acción encádrase dentro do mandato fundacional do Consello da Cultura Galega de investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, así como de organizar actuacións culturais apropiadas aos obxectivos do Consello dentro e fóra de Galicia.
Os resultados da primeira edición
Os beneficiarios da primeira edición desta convocatoria foron Francisco Cebreiro Ares (Santiago, 1990), na modalidade de investigación, cun estudo sobre os pormenores que imbricaron o porto galego da Coruña coa estrutura financeira española e mundial na fin do Antigo Réxime. Na modalidade de creación, a bolsa recaeu en Diego González Valeiras (O Carballiño, 1980), quen preparou a creación da escenografía e os figurinos do texto Os reloxos preguiceiros de Néboa de Xavier Lama, gañador do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2010 (editado por Xerais en 2011).
Casa de Velázquez
A Casa de Velázquez ten a misión de desenvolver actividades creadoras e investigacións relacionadas coas artes, as linguas, as literaturas e as sociedades de países ibéricos, iberoamericanos e do Magreb. Tamén ten a vocación de contribuír á formación de artistas, investigadores e docentes-investigadores así como de participar no desenvolvemento de intercambios artísticos e científicos entre Francia e os países relacionados.
Este convenio insírese nunha liña de traballo continuada entre o Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez, grazas á que se desenvolveron actuacións como o seminario realizado en 2009 baixo o título“Imaxinarios nacionalistas e identidade nacional española no século XX”.
Descarga as bases da convocatoria nesta ligazón


