“Temos que recoñecer que en patrimonio, a día de hoxe, temos un problema”. Así de categórico foi o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, Felipe Criado, nunha intervención encamiñada a dar ideas xerais sobre como activar o patrimonio. Na súa opinión, cómpre implicar a cidadanía, reconquistar ese espazo a través de accións que deben involucrar tamén a profesionais doutros ámbitos como o da socioloxía, a antropoloxía e a comunicación. Debuxaba así o marco teórico dunha mesa chamada “Patrimonio e sociedade”, que se completou cos relatorios de dúas experiencias como foron “Fai túa Compostela”, roteiros atípicos pola cidade desenvolvidos en 2013 que explicou Mar Bóveda, e o proxecto de “Costa dos Castros”, bosquexado polo investigador Manuel Ángel Pombal quen explicou como varias comunidades de montes se coordinan para desenvolver accións de posta en valor enfocadas desde o punto de vista dos comuneiros.
As xornadas tamén quixeron incidir no valor económico que achega o patrimonio á industria cultural. O punto de vista teórico ofreceuno Juan Carlos Miguel de Bustos, profesor da Universidade do País Vasco, que ofreceu un relatorio asentado en dúas ideas: dunha banda, a necesidade de cuantificar o impacto económico para poder artellar políticas transversais; e, da outra, na implicación activa e pasiva do usuario á hora de subir contidos á rede, que xera un gran negocio, e no que se pon en perigo a súa propia privacidade. Complementaron esta visión os representantes de dúas empresas cos seus casos prácticos: Alejandro Lamas, de Sixtema, falou das vantaxes e características do contido dixital relacionado co patrimonio no turismo; e Carmela Sánchez, de Etnoga, focalizou a súa experiencia en dúas liñas de negocio: o patrimonio lúdico e os roteiros relacionados co patrimonio funerario.
A terceira mesa abordou como resolver situacións de conflito relacionadas co patrimonio a través de diferentes estudos de caso. Foi a xornalista Beatriz Sanjuán Ballano quen achegou o caso de éxito desde un ámbito público promovido polo Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico. O outro punto de vista, o privado, achegouno Araceli Pereda, que falou da lista vermella do patrimonio e dos micromecenados como modelo de fidelización. A mesa completouse cos relatorios de Guadalupe Jiménez, do CSIC, e do xornalista Javier Romero, que explicaron as súas experiencias na súa difusión á sociedade en casos con criterios contrapostos como poden ser os de Muxía e Fisterra, entre outros.
A segunda sesión
Ao longo da mañá de hoxe tivo lugar a última das mesas programadas, que estaba orientada a debater como empregar a rede para dar a coñecer unha iniciativa de patrimonialización. Manuel Gago, profesor da Universidade de Santiago e un experto en divulgación cultural, ofreceu o marco teórico incidindo na apropiación ou o uso das tecnoloxías por parte dun usuario e na narrativa, en como se debe contar unha historia. Despois explicáronse dous casos concretos, como son a iniciativa de recuperación e difusión audiovisual do Proxecto Socheo e a web do Castelo da Rocha Forte en Compostela. A xornada rematou coa presentación do plan de comunicación dunha iniciativa singular, como foi a intervención da igrexa do santo Cristo da Saúde de Málaga, que tivo un plan de comunicación pensado para que a cidadanía coñecese en cada momento a evolución do proxecto.
Esta xornada encadrouse no marco dunha liña de traballo da Sección de Patrimonio en Bens Culturais que quixo poñer o foco nunha tendencia actual como é a proliferación de iniciativas, tanto no ámbito profesional como o afeccionado, relacionadas coa divulgación do patrimonio e que comparten o denominador común o uso das novas tecnoloxías.


