NOTICIA

----

A resposta da UE ante o problema dos refuxiados abre un ciclo do Consello da Cultura

Os desprazamentos repentinos de poboación son relativamente frecuentes. Con todo, vivimos un momento especial, en que a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) contabiliza no mundo máis de sesenta millóns de desprazados. Un número desbordante que dá conta dunha situación de crise e que se analizará no marco do ciclo “Europa fortaleza, fronteiras, valados, exilios, migracións”. A proposta coordinada polo profesor Ramón Máiz comeza mañá mércores no Consello da Cultura Galega (17:00 horas) cunha conferencia da especialista en migracións internacionais Carmen González. Nela abordará a resposta da Unión Europea ante este fenómeno de actualidade.

A crise dos refuxiados obriga á UE a repensar o seu sistema de asilo e de xestión da inmigración irregular. Esta é a tese que Carmen González, investigadora de Demografía, Poboación e Migracións Internacionais do Real Instituto Elcano defenderá no seu relatorio titulado “A resposta da Unión Europea ante a crise migratoria”. Na súa intervención defende que que a crise pon en perigo un dos principais logros da UE como é o espazo Schengen, ademais de enfrontar aos Estados entre si. Na súa opinión cómpre fortalecer os controis externos, restaurar a confianza entre os Estados e avanzar nun Sistema Europeo de Asilo unificando criterios de concesión e os apoios que se lles ofrecen aos refuxiados.

O ciclo
“Europa fortaleza, fronteiras, valados, exilios, migracións” é un ciclo monográfico coordinado polo profesor Ramón Máiz no que se propón reflexionar, da man de recoñecidos/as especialistas, tanto sobre as diferentes dimensións do problema, como sobre as solucións institucionais e de políticas públicas ao desafío no que Europa xoga o seu porvir como sociedade democrática. O ciclo segue o modelo doutras conferencias organizadas por esta sección, no que os conferenciantes poñen a disposición do público o texto da súa intervención de cara a un debate máis frutífero.

Sección de Pensamento e Sociedade
Ramón Máiz é o coordinador da Sección de Pensamento e Sociedade. Desta sección depende O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que está en marcha desde 2007. O ciclo trata os debates e investigacións máis recentes sobre as nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta, Bartolomé Clavero, Lisa Wedeen, Anthony Pagden, Jorge Riechmann, Victoria Camps, Patrizia Violi ou Carmen Pena. No marco desta sección organizanse ciclos temáticos como este que agora se celebra sendo o máis recente, o realizado en 2015 sobre populismos.