----

Milladoiro canta a Manuel María no Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega

Foi o peche dos actos académicos previstos para o Día das Letras Galegas e a antesala do Ano das Irmandades da Fala. O teatro Rosalía de Castro vibrou co Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG), no que Milladoiro fixo unha aposta moi especial e no que houbo danza e soaron os poemas de Manuel María. Era un rexistro novo para un concerto que cumpre seis edicións e que pretende celebrar dun xeito festivo o 17 de maio. Asistiron o presidente do CCG, Ramón Villares; a viúva de Manuel María, Saleta Goi; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e outras autoridades coma o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, ou o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Miguel Ángel Cárdenas, nun teatro que tiña a cabida completa.
Milladoiro canta a Manuel María no Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega

“Unha estrela por guía”, canción que lle deu nome ao disco editado en 2007 e dedicado integramente a Manuel María, foi a peza encargada de abrir este concerto, que intercalou obras do grupo con outras deste disco, que percorría musicalmente libros como Cancións do Lusco ao Fusco, Sonetos á casa de Hortas ou As rúas do vento ceibe. O “Vals de Libunca”, “As Carballescas” ou o “Alalá das Mariñas” son outras das pezas do programa a través das que se foi rememorando a traxectoria desta emblemática formación, que tamén interpretou “Tecendo Liño”, incluída no seu primeiro e sobranceiro disco A Galicia de Maeloc.

Ademais, nesta ocasión, Milladoiro contou coa presenza de dous bailaríns convidados: Jesús Quiroga e Eva Faraldo, que completaron un espectáculo que serviu de colofón das diferentes homenaxes celebradas ao autor da Terra Chá.

Unha formación moi destacada
O concerto celebrouse nas vésperas doutra data destacada, a do 19 de maio, na que Milladoiro se presentou ao público no Teatro Salesianos da Coruña hai 37 anos. Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Manuel Riveiro, Harry e Manu Conde son os integrantes actuais desta histórica formación que leva preto de corenta anos de traxectoria, máis de vinte discos propios e outros dez en colaboración con outras entidades. Ten no seu haber preto de vinte premios, entre os que destaca o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba ou o primeiro Goya que recibiu o audiovisual galego. Ao longo desta dilatada traxectoria, Milladoiro actuou nos principais escenarios de todo o mundo, como o Teatro Nacional Cervantes en Bos Aires, o Irish Center Auditorium de Chicago, o Kefferson Auditorium de Newark ou o Gaiety Theatre de Dublín.

Actos arredor do Día da Letras Galegas
O concerto encadrouse dentro das actividades previstas polo Consello da Cultura Galega para celebrar o Día das Letras Galegas, entre as que tamén se inclúe a reedición da obra de Manuel María Advento, editada inicialmente por Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires e con cuberta de Luís Seoane.

A traxectoria do concerto do Día das Letras Galegas
Desde hai seis anos o Consello da Cultura Galega organiza o Concerto das Letras Galegas, proposta que busca unir textos e música co obxectivo de subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada. A proposta explora formatos diferentes cun nexo común: a estrea dunha obra para orquestra a partir de textos líricos directamente relacionada co homenaxeado en cada ocasión.

En 2013, ao coincidir cos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, o CCG convidou a Asociación Galega de Compositores a crear unha obra musical (dun minuto de duración para un máximo de nove instrumentos) para cada un dos poemas da citada obra de Rosalía. O resultado foron 36 composicións que doce integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia interpretaron en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). En 2014, o Concerto das Letras Galegas presentou un programa enraizado en Lugo, que serviu para ofrecer un crisol da creación musical culta galega ordenado cronoloxicamente: pezas de Pascual Veiga, Xoán Montes, Jesús Bal y Gay e Rogelio Groba sobre textos de Francisco María de la Iglesia, Aurelio J. Pereira, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde, quen, malia non ser lucense, exerceu docencia en Lugo. A estrea dese ano foi a versión musical do poema “Penélope" de Xosé María Díaz Castro que fixo Octavio Vázquez , o músico santiagués afincado en Estados Unidos. O ano pasado, a estrea consistiu na versión musical de dúas cantigas que Filgueira Valverde lle dedicou a Gerardo Diego e que compuxo Xabier de Paz.