Santiago de Compostela, 24 de setembro de 20120.- Os técnicos e expertos asistentes aos XII Encontros para a Normalización Lingüística acolleron con moitas reservas a presentación da Rede de Dinamización Lingüística Local, iniciativa anunciada recentemente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Quedaron tamén coas gañas de plantexarlle preguntas ao Secretario Xeral, Anxo Lorenzo, quen, en contra do previsto, non puido acudir á cita por razóns de saúde. Os Encontros, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística.de Galicia, do Consello da Cultura Galega, que finalizaron esta tarde, prestaron atención a diferentes iniciativas e accións da cidadanía para promover e difundir o idioma galego.<!--more-->
A Rede de Dinamización Lingüística local foi presentada, en ausencia de Anxo Lorenzo, por Cristina Rubal, Subdirectora Xeral de Política Lingüística, e Valentín García Gómez, técnico de normalización lingüística. A Rede, dada coñecer o pasado 21 de setembro a través dunha Orde publicada no Diario Oficial de Galicia, trata de promover o idioma galego desde o ámbito local. Intenta con esa finalidade poñer en pé unha coordinación entre a Administración Autonómica e as administración locais sen custo algún para os concellos.
Este deseño suscitou algunhas preguntas e críticas formuladas nun turno especial, aberto ao final da mañá para compensar a falta de tempo que reducira ao mínimo o coloquio inicial. Na ausencia, ao remate da mañá, de Cristina Rubal, respostou ás preguntas Valentín García Gómez, que detallou as características da estrutura da rede, aínda non cerrada definitivamente.
Os XII Encontros para Normalización Lingüística de Galicia concluiron esta tarde, logo de dúas intensas xornadas de traballo con atención especial ao protagonismo da acción social, das iniciativas cidadáns e das mobilizacións cívicas na defensa e promoción do idioma galego. As redes sociais, dinamizadas en boa parte en galego, as plataformas en defensa da lingua e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística foron expoñentes de diferentes propostas e chamamentos en defensa da lingua propia de Galicia en a favor doutra política lingüística..
As reflexións completáronse coa presentación de dous avances de estudos sobre a situación actual e as expectativas do galego, as ofertas de materiais e recursos lingüísticos do Programa “Proxecta” e coas aportacións daa experiencias normalizadoras no ámbito comercial por parte dos concellos de Ferrol, Piontevedra e Ames. O rselatorio “A identidade como reclamo publicitario” e a mesa de traballo “Mercado e lingua”, cerraron un programa que clausurou Henrique Monteagudo, director do Centro de Documentación Sociolingüística e coordinador do programa xunto con Susana Mayo Redondo. As sesións, para as que se inscribiron 170 técnicos, investigadores e especialistas, celebráronse no salón de actos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.