----

A Administración local aposta polo consumo responsable en galego

O Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) convocou, o pasado sábado 24 de xullo no Hostal dos Reis Católicos, os concellos galegos (nomeadamente os das grandes cidades e comarcas de influencia) para asinar a Carta do Consumo Responsable e Solidario. O obxectivo da iniciativa é amosar publicamente o compromiso das empresas coa etiquetaxe dos seus produtos en lingua galega, así coma o apoio da cidadanía coas empresas que apostan polo noso idioma. No acto do pasado sábado asinaron publicamente este documento catorce empresas e mais os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol e Oroso. No web Galeguizar Galicia podes manterte ao día da actividade do Foro Enrique Peinador e mais da IRGADE a prol da galeguización do sector socioeconómico.