NOTICIA

----

A exposición Galicia 100 chega á Coruña

Este domingo 18 de setembro clausurouse a exposición “Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura”, no local de Afundación en Santiago de Compostela. As seguintes etapas desta mostra serán A Coruña e Vigo. En A Coruña inaugurarase o día 4 de outubro. En Santiago, pasaron pola mostra preto de 6000 persoas.
A exposición Galicia 100 chega á Coruña

A mostra “Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura”, promovida polo Consello da Cultura Galega coa colaboración de Afundación e Abanca, pretende contar un relato da cultura galega e a súa conformación ao longo do tempo a través dunha selección de 100 obxectos desde o Paleolítico ata a actualidade. Inaugurouse en Compostela o 10 de maio de 2016 e preto de 6000 persoas percorreron a mostra.

A mostra itinerará á Coruña e Vigo. A vindeira parada será a sede de Afundación na Coruña, onde a exposición se inaugurará o día 4 de outubro e permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro de 2017 para desprazarse, posteriormente, a Vigo.

Equipo asesor
A exposición Galicia 100 está comisariada por Manuel Gago e contou cun consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares entre os que figura Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.

Unha selección de obxectos significativos
A exposición amosa unha selección de cen obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotiá, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite que representa a evolución do sector agrogandeiro ou un pote de queimada, xunto con outros máis emblemáticos como poden ser a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, cadea coa que se considera que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios.

Unha lectura transversal
A exposición reúne fisicamente case setenta obxectos da selección nunha estrutura dividida en sete grandes módulos (Poder, Territorio, Comunidade, Códigos, Transicións, Redes e Trasmundo). Na mostra, as pezas agrúpanse entre si rompendo o tradicional esquema cronolóxico e buscando o diálogo e as relacións a través de épocas, das pezas entre si e delas co visitante. A proposta anima o visitante a explorar as relacións e os sentidos entre obxectos, combinando pezas de gran valor e significado histórico con obxectos cotiás e humildes do noso pasado.