----

O Consello da Cultura Galega presenta os datos da edición en Galicia nos últimos anos

O Consello da Cultura Galega presenta o informe “O libro e a edición en Galicia (2016)”, no que se analiza a situación editorial en Galicia nos últimos anos, partindo dos datos achegados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, na súa “Estadística de la edición española de libros con ISBN" e na "Panorámica de la edición española de libros”. No que respecta á edición en galego, os datos reflicten un descenso do 43,8% de libros publicados en galego no período 2008-2015, cunha perda de máis de 1000 títulos. A porcentaxe de edición en galego respecto do total de edición en Galicia sitúase entre o 52% e o 67% nos últimos anos. No informe podes consultar máis información, segundo a materia, prezo, formato ou carácter xurídico da entidade editora, así como datos comparativos con outras comunidades autónomas do Estado.