----

O Consello da Cultura Galega organiza o 2 de Outubro a xornada "A Arquitectura desde Lugo" no Círculo das Artes

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2007.- Coa xornada A ARQUITECTURA DESDE LUGO, prevista para o día 2 de outubro, o Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia COAG), continúa o seu programa de análise da actividade arquitectónica e cultural en Galicia na actualidade. Organizada pola Sección de Arquitectura, a xornada forma parte do proxecto “Cultura, arquitectura e identidade”, itinerante polas principais cidades galegas. En Lugo o lugar de acollida será o Círculo das Artes (Praza Maior, 23).


<!--more-->

INICIATIVA PIONEIRA

O proxecto, iniciado o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, e continuado en Ourense, A Coruña e Vigo, supón unha iniciativa pioneira no estudo da arquitectura actual en Galicia, atento ao dinamismo de cada unha das principais áreas urbanas e con referencia especial ás novas xeracións profesionais. Trátase de considerar a producción arquitectónica e creativa desde unha perspectiva histórica e actual, desde a teoría e a experiencia dos profesionais. Nese sentido o retrato da arquitectura no territorio de Lugo será un pretexto para a reflexión sobre a identidade, o local e o global e a realidade extraterritorial dunha área de especial significación.

O PROGRAMA EN LUGO

As sesións de traballo de A ARQUITECTURA DESDE LUGO comenzarán o 2 de outubro ás 16´00 horas cun acto inaugural no que intervirán: Alberte González Rodríguez, presidente da Delegación de Lugo do COAG, e o coordinador da xornada e responsable da Sección de Arquitectura do COAG, Iago Seara Morales. Os relatorios estarán ao cargo de: Adolfo de Abel Vilela, Santiago Catalán Tobía, DOPI Arquitectos, Arquitect-2, Antonio Taboada López, KM Arquitectos e U.M.U. A sesión finalizará cunha mesa redonda na que intervirán todos os relatores.A xornada, organizada polo Consello da Cultura Galega, conta coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (Delegación de Lugo).