----

O I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia iniciou as súas actividades no Consello da Cultura

Santiago de Compostela, 24-09-07.- O Consello da Cultura Galega (CCG) foi esta mañá o escenario das actividades iniciais do I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia. O Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, da Xunta de Galicia, Manuel Vázquez Fernández, no seu breve discurso de benvida salientou a “importancia da acción educativa na implementación das políticas medioambientais”. O acto foi presidido polo Presidente do CCG, Ramón Villares, e contou tamén coa presenza do presidente do comité organizador do congreso, Carlos Vales, e do vicepresidente do CCG, Francisco Díaz Fierros. O Presidente do CCG falou do que considerou “unha feliz coincidencia do encontro nunha institución que presta tamén grande interese ás cuestións ambientais nos seus traballos e nas súas publicacións”.

CEN DELEGADOS

O congreso, ao que asisten un cento de delegados e que desenvolverá as súas actividades ata o día 27 de setembro na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, levou a cabo no CCG o Encontro de de Puntos Focais Luso Galaicos en Educación Ambiental, no que interviron representantes de: Portugal, Brasil, Mozambique, Guinea Bissau, Angola, Timor Leste, San Tomé e Príncipe, Cabo Verde e Galicia.

Esta reunión internacional, que coincide no tempo coas sesións que a Organización das Nacións Unidas (ONU) dedicarán ao cambio climático, debe servir, na expresión do conselleiro de Medio Ambiente, para “reforzar a necesidade de facer compatible o crecemento económco cao preservación dos recursos naturais” e tamén para intensificar a colaboración na liña do que xa se ven facendo a través da Comisión de Coordinación Galicia-Norte de Portugal.

O congreso conta cos importantes apoios do Ministerio de Asuntos Exteriores de España e da xa citada Consellería de Medio Ambiente, ademais doutras significativas colaboracións.

GALICIA E O CONSELLO

Mentras se desenvolvía o Encontro de Puntos Focais, no salón de actos do CCG, o Presidente da institución mantivo unha reunión na Biblioteca cun grupo de delegados dos países lusófonos para explicarlles aspectos da historia e da actualidade de Galicia e tamén da significación e as actividades do Consello, así como da súa estrutura orientada cara o coñecemento e a comunicación.

No acto interviú asemade Francisco Díaz Fierros, vicepresidente da institución e coordinador da Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade, responsable polo tanto dos traballos e publicacións referidas ao medio ambiente e a natureza.