----

Margarita Ledo Andión presentou no Consello da Cultura Galega o seu documental sobre o xeneral e dirixente comunista Enrique Líster

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2007.- O documental LISTE, PRONUNCIADO LÍSTER, da realizadora Margarita Ledo Andión, foi presentado esta tarde nunha proxección de carácter privado no salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG), á que asistiron unhas cen persoas, a maioría colaboradores na realización e na documentación. O Presidente da institución, Ramón Villares, salientou o feito importante da estrea e a necesidade dun punto de vista galego no mundo audiovisual.O filme, de 110 minutos de duración, poderá verse en novembro no Festival Cineuropa de Santiago de Compostela e no Festival Internacional de Cine de Ourense.

LISTE, PRONUNCIADO LÍSTER resume a intensa e complexa biografía do dirixente comunista e xeneral Enrique Líster -o seu verdadeiro nome era Jesús Liste Forján- (Calo-Teo- A Coruña, 1907-Madrid, 1994) enmarcada no contexto histórico do século XX e as súas ideas, guerras e exilios, as súas inmensas traxedias colectivas e as súas esperanzas.Líster tivo unha destacada participación como militar ao servizo da causa republicana na Guerra Civil Española (1936-1939), onde acadou o grao de teniente coronel e chegou a mandar o V Corpo de Exército.Antonio Machado dedicoulle un poema que concluiu con estes versos:“Si mi pluma valiera tu pistolade capitán, contento moriría”. Exiliado na Unión Soviética, tomou parte tamén na Segunda Guerra Mundial (1939-1945) e chegou a ser xeneral de tres exércitos: ruso, polaco e iugoslavo. Presidiu logo o Consello Mundial da Paz e participou na Conferencia de Helsinki.O documental, explicou Margarita Ledo, “fala da Europa do Frente Popular e analiza o que queda desa Europa a través dunha biografía que abarca todo o século XX e da visión que dela teñen outras persoas”.A realizadora, xornalista, escritora e catedrática de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, refírese a Líster como “un personaxe moi complexo un amador da vida, da festa, dos amoríos e da conversa, un prototipo de emprendedor nacido no seo dunha familia de canteiros, e emigrante en Cuba cando só contaba once anos”.O documental -producido por Nós-Productora Cinematográfica Galega, S. L.- rodouse en Castro de Rei e Palas de Rei (Lugo), La Habana, Moscova, Praga e Madrid.