----

O Ministro de Cultura, César Antonio Molina, visitou o Consello da Cultura Galega

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2007.- O Ministro de Cultura, César Antonio Molina, visitou hoxe o Consello da Cultura Galega, onde foi recibido polo Presidente da institución, Ramón Villares, os integrantes de Comisión Executiva e unha representación do Plenario. Acompañaron ao ministro o Presidente da Xunta de Galicia, e presidente de honra do CCG, Emilio Pérez Touriño, e o Delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras.

César Antonio Molina deixou testemuña da súa visita no libro de honra do Consello: “En esta mi primera visita a esta Casa que representa la Cultura Gallega, con mis mejores deseos y colaboración de futuro. Y con un fuerte abrazo a todos cuantos trabajan por difundirla en el mundo”.

O Presidente do CCG, Ramón Villares, nun breve acto celebrado na biblioteca, agradeceu a visita “ao amigo, ao escritor e home da Cultura e ao ministro” e lembrou o carácter singular dunha institución que en 2008 cumprirá os seus primeiros 25 anos. Aludiu á pluralidade lingüística e cultural española e lembrou a vocación iberoamericana, “e a súa especial dimensión desde Galicia”.

O ministro recibiu, como recordo da visita, un facsímile do Códice de Toledo das Cantigas de Santa María do rei Afonso X “O Sabio”, editado polo CCG.

César Antonio Molina, escritor e xornalista, nacido en A Coruña, é o primeiro Ministro de Cultura que visita o Consello da Cultura Galega. Con anterioridade, en febreiro de 2003, visitara a institución Pilar del Castillo, minsitra de Educación, Cultura e Deporte.