----

A Mesa presenta o informe anual de actividade da Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un novo informe anual sobre a actividade da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos no documento, durante o ano 2016 tramitáronse 339 expedientes de queixas, atendéronse 24 consultas e recibíronse 68 parabéns. No que se refire á tipoloxía de entidades implicadas, o 51% das queixas van dirixidas a administracións e institucións públicas, o 26% a empresas de servizos, o 19% a institucións privadas e o 4% a empresas de telefonía. No que respecta ao motivo das queixas, a deturpación da toponimia (25%), a exclusión e discriminación do galego (21%) e a negativa a prestar atención oral e escrita no noso idioma (19%) son as causas maioritarias.