----

O Consello da Cultura analiza no informe "A Comunicación en Galicia 2007" as transformacións e as expectativas do hipersector

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2004.- O informe A COMUNICACIÓN EN GALICIA 2007, elaborado pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) e presentado hoxe, agrupa os traballos dunha vintena de expertos e estudiosos que explican os cambios acontecidos no hipersector durante o último bienio. Desde a forte irrupción da prensa gratuíta á consolidación da Internet como soporte de acceso á información, pasando pola implantación da televisión dixital terrestre, a polémica das concesións dixitais no escenario autonómico, a reivindicación dun lugar propio para a prensa local ou os cambios producidos na radio e na televisión de titularidade pública.

MÁIS OFERTA, MENOS GALEGO

O vicepresidente do CCG e coordinador do informe, Xosé López García, destacou o carácter colectivo do traballo e a súa función de radiografía do hipersector da comunicación, unha contribución que ven sumarse ás aparecidas en 1993, 2000, 2002 e 2004, “o que nos permite unha perspectiva histórica interesante para entender polo miúdo a evolución do tecido mediático do país”.Xosé López aludiu a un hipersector en fase de reordenación, “con cambios sobre todo no modelo de negocio e na multiplicación da oferta, nomeadamente radiofónica e televisiva” e constatou o feito de que o emprego do idioma galego non segue ese mesmo ritmo, “xa que neste senso só podemos destacar a aparición do xornal gratuíto LV, do grupo EL PROGRESO, íntegramente en galego, e tamén o incremento dos cadernos de bitácora persoais na internet, o que significou o salto da lingua galega das páxinas institucionais ao seu uso público, voluntario e individual na rede”, afirmou.

PERICIA ACADÉMICA E EXPERIENCIA PROFESIONAL

Ramón Villares, presidente do CCG, chamou a atención sobre a atención que a institución ven prestando á elaboración de “Documentos e informes”, nome da serie que acolle esta publicación. “Tratamos de ofrecer informes e estados da cuestión sobre diferentes ámbitos da cultura galega. Neste caso, coma noutros, considero que a pericia académica a experiencia profesional son garantía de credibilidade”, dixo. O informe agrupa traballos da autoría de: Francisco Campos, Xosé Ramón Pousa, Xaime Fandiño, Alberto Dafonte, Miguel Anxo Fernández, Emilio García Fernández, Alberto Pena, Enma Torres, Xosé López, Manuel Gago, Xosé Pereira, Miguel Túñez, Antonio Sanjuán, José Juan Videla, Domingo Docampo e o equipo do Arquivo de Comunicación do CCG.