Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2007.- O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou hoxe o informe e as conclusións dos debates POR UNHA NOVA CULTURA FORESTAL FRONTE AOS INCENDIOS, nos que participaron máis de cincuenta expertos. O traballo, levado a cabo con criterios interdisciplinares, é unha chamada á sensibilización da sociedade diante dun problema estrutural e complexo, necesitado de respostas urxentes para evitar o impacto do lume, pero tamén de transformacións e dinamización do tecido forestal, que eviten ou reduzan o impacto dunha ameaza de tan altos custos ambientais e socioeconómicos. O informe viu a luz nun mes de baixo risco de incendios “polas reservas de auga e a conseguinte falta de combustibillidade, polo menos ata finais de xullo”, afirmou Francisco Díaz Fierros. UN ORGANISMO ÚNICO
O coordinador xeral e vicepresidente do CCG, Francisco Díaz Fierros -quen se ocupou do panel CUESTIÓNS ECOLÓXICAS E SILVÍCOLAS- fixo fincapé na necesidade de contar cun organismo capaz de xestionar e integrar todo o relacionado coa politica de conservación do medio natural, unha institución que coordine as actuacións levadas a cabo polas distintas administracións, que unifique criterios e que poida facer fronte ás accións necesarias para organizar a restauración e recuperación das áreas queimadas. Chamou a atención sobre o abandono, a ruptura do vínculo do medio rural co monte “máis determinante para o número e a intensidade dos lumes que a existencia dunha ou outra especie nunha zona concreta”. INCENTIVACIÓN E COERCIÓN
Xesús Balboa, coordinador dos debates sobre ASPECTOS SOCIAIS, ECONÓMICOS E POLÍTICOS, lembrou a dificultade de intervención nunha estrutura con máis de seiscentos mil propietarios particulares. “Debería haber certa coerción xunto coas medidas incentivadoras”, dixo, ao tempo que insistía na conveniencia de que a loita contra os incendios debe ser un valor transversal e presente en toda a política forestal xunto co investimento en prevención e fomento do emprego local na zona rural. Balboa recordou que a infrautilización do mundo agrario é a primeira causa estrutural dos incendios e a segunda ven da man do que chamou “urbanización difusa”.
COMUNICACIÓN PROACTIVA E NON REACTIVA Pola súa parte, Xosé Luís Barreiro Rivas, coordinador do debate PERCEPCIÓN SOCIAL, EDUCACIÓN CÍVICA E INFORMACIÓN, insistiu na necesidade dun tratamento informativo proactivo, e non reactivo, e unha linguaxe menos alarmista e catastrofista, coa finalidade de que os cidadáns perciban os lumes como un problema público. Denunciou tamén a ausencia de coñecemento e de contidos divulgados nos centros educativos galegos sobre os problemas e potencialidades do monte “mesmo naqueles lugares cunha superficie forestal importante e nos que o monte constitúe unha das súas principais bases económicas ou que contan con comunidades de montes moi activas”.
Ao acto de presentación asistiu tamén o economista Alberto Meixide, en representación da Fundación Caixa Galicia, entidade que colaborou nesta iniciativa organizada e impulsada desde o Consello da Cultura Galega. A totalidade do informe e as conclusións poden consultarse e/ou descargarse desde:http://www.consellodacultura.org/incendios/

