Preséntase “Toponimia de Agolada”, primeiro volume da colección “Terra nomeada”
10/3/2017
A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica presentarán hoxe a obra Toponimia de Agolada, o primeiro volume da colección “Terra nomeada”, coa que se pretende achegarlle á cidadanía, de xeito científico e divulgativo, o seu patrimonio toponímico. Neste primeiro volume explícase a orixe e evolución dos topónimos das 24 parroquias e 163 lugares do concello pontevedrés de Agolada. O acto público de presentación terá lugar hoxe, 10 de marzo, ás 19 horas, na Casa Museo dos Pendellos de Agolada. A colección irase completando con outros volumes nos que se explicarán os nomes de todas as entidades de poboación dos concellos de Galicia, así como dos seus principais montes e ríos. Para ampliar información, preme aquí.