----

O sociólogo mexicano Héctor Díaz Polanco afirmou a "importancia emancipadora da comunidade" e rexeitou o multiculturalismo

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2007.- “O camiño para a emancipación non pode ser a individualización que actualmente impulsa a estratexia globalizadora do neoliberalismo e é na construcción de comunidade onde se encontra unha das claves fundamentais para encarar con éxito as ameazas que implica o réxime do capital globalizador e para abrir o camiño a outro mundo posible”. Así se expresou hoxe o sociólogo mexicano Héctor Díaz-Polanco na súa intervención no seminario “Os sentidos das Culturas”, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). O conferenciante, que foi presentado polo profesor Ramón Máiz, coordinador do seminario, explicou as súas “Teses sobre diversidade, identidade e globalización”.

MUNDIALIZACIÓN DO CAPITAL

Díaz Polanco partiu das relacións entre pluralidade sociocultural e sociedade globalizada -fase actual da mundialización do capital- e rexeitou a idea de que a globalización conduce a unha especie de homoxeneización cultural das sociedades, ben por unha máis ou menos gradual igualación das condicións socioeconómicas, ben como impulsora dun sostido proceso de uniformidade cultural. “O pensamento crítico recente demostrou que a expansión sen precedentes do capital nas últimas décadas provocou un incremento da desiguladade e agravou as condicións de reprodución socioeconómica e ecolóxica no planeta; pero, ademais, a globalización non só non provocou a uniformidade cultural esperada, senón que complicou o feito cultural e no seu seo rexístrase un forte renacemento das identidades, acompañado de crecentes loitas reivindicativas”. Xusto cando hai cada vez menos comunidade e máis individualización”, afirmou.O sociólogo mexicano sostivo que a lóxica e a diferencia conflitiva da identidade respecto ao neoliberalismo é a causa que alimenta un dos máis importantes dramas contemporáneos: a loita que entablan as forzas antagónicas do que chamou etnofaxia globalizadora e da resistencia autonomista. “Digamos neste punto que os pobos indígenas son empuxados a unha difícil escaramuza polas súas identidades, ao enfrontárense tamén ao efecto disolvente que provoca a globalización nas comunidades tradicionais”.Chamou a atención sobre a necesidade de superar as tentacións etnocentristas e aislacionistas que axexan a identidade e apuntou que un dos camiños máis eficaces para logralo é asumir unha noción de identidade que rexeite todo suposto ou principio esencialista sobre as culturas. “Eso implica concluir que, pola contra, as identidades son, ante todo, históricas -e tamén dinámicas, heteroxéneas e múltiples- confórmanse en contextos complexos que inclúen a presenza doutras culturas respecto ás que se define a propia pertenza. O cambio destes contextos provoca transformacións identitarias, polo que as identidades non son inmunes ás transformacións “procesuales” de todo tipo”.

HIPÓTESE SOBRE A GLOBALIZACIÓN

Aludiu ás catro hipótesis sobre a globalización: a que a considera como unha forza inevitable e irrefrenable; a que apunta que non afecta á diversidade; a que afirma que a construcción das identidades favorece ao capital globalizante e, por último -enfoque adoptado por Díaz Polanco- a que sostén que a globalización non homoxeiniza nos termos previstos orixinalmente nin as identidades engrasan sen máis o mecanismo globalizador. Se hai construcións identitarias que aceptan o sistema, “outras abren horizontes a partir dos cales poden elaborarse alternativas de emancipación fronte ao sistema neoliberal”. Vale decir fronte á etnofaxia, “que expresa o proceso global mediante o que a cultura da dominación busca engulir ou devorar as múltiples culturas populares, principalmente en virtude da forza de gravitación que os patróns “nacionais” exercen sobre as comunidades étnicas”. O antropólogo cultural mexicano lembrou que a etnofaxia xurdíu nun marco de “notable ascenso político dos pobos indios”, unha de cuxas cimeiras foi o levantamento zapatista de 1994, o que inquedaba ao poder”.En calquera caso, a chamada etnofaxia “non pode operar sen un enfoque de afirmación da diversidade, de exaltación da diferencia, de sedución do Outro e, particularmente, sen unha teoría que precise as condicións e prerrequisitos en que as identidades poden ser aceptadas, quere dicir, os límites da tolerancia neoliberal para co diferente. Eso é o que ofrece o multiculturalismo, ideoloxía do capitalismo global”.

CONTRA O MULTICULTURALISMO

Nas súas consideracións sobre o multiculturalismo, Díaz Polanco citou ao esloveno Slavoj Zizek, tamén partIcipante neste seminario o pasado mes de marzo, para afirmar que o termo “expresa a autocolonización capitalista global do mesmo xeito que en fases anteriores o imperialismo cultural occidental expresaba o colonialismo imperialista”. Aludiu tamén a Giovanni Sartori, a quen calificou de neoconservador, por conceptualizar o multiculturalismo “como un plan antiliberal e unha especie de de intento da esquerda de socavar ao liberalismo. Lembrou que Sartori entende que as democracias liberais deben cerrarse a identidades peligrosas, como as culturas de raigame musulmana e dixo que o pensador italiano “representa unha crítica do multiculturalismo desde a dereita liberal, que non o ve como un dispositivo da globalización do capital, senón como unha concepción innecesaria e arriscada, como un erro de Occidente”. O sociólogo mexicano fixo notar que o multiculturalismo ocúpase da diversidade en tanto diferencia cultural, mentras repudia ou deixa a un lado as diferencias económicas e sociopolíticas que, caso de aparecer, terían como efecto marcar a disparidade respecto do liberalismo que está na súa base. Concluiu que a alternativa máis prometedora fronte ao vello indixenismo e ao novo multiculturalismo “é o autonomismo que recoñece no Outro a potencia para vivir ben no mundo” e engadiu que a única saída á vista é “o doble movemento de frear e combater a individualización da sociedade que está xeneralizando a globalización e, simultánemante, promover a construción de comunidade, fundada en identidades múltiples”. Díaz Polanco fixo notar que por comunidade entende “aquela colectividade que dá sentido duradeiro e profundo aos suxeitos, que se funda en tecidos e nexos sociais con algunha referencia territorial, enraizada nun lugar, nun ámbito onde poden construirse non só identidades sólidas senón tamén proxectos comúns de alcance social. “E contra esa comunidade contra a que o poder globalizado arremete con todas as súas forzas”.Apuntou por último que a defensa da comunidade “non implica unha apelación conservadora á tradición” e citou a Anthony Giddens quen obervara que, sendo necesario defender a tradición, “xa non podemos defendela de modo tradicional”. “Pola contra, dixo, existe o perigo de que a reivindicación da comunidade e da autonomía se convirta no cabalo de batalla de novos fundamentalismos, de novas intolerancias e, en consecuencia, de novos ou vellos autoritarismos”.