----

O Consello da Cultura Galega organiza os días 26 e 27 de Xuño as xornadas "A arquitectura desde Ourense"

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2007.- Coas xornadas A ARQUITECTURA DESDE OURENSE, previstas para os días 26 e 27 de xuño, o Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Delegación de Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia COAG, continúa o seu programa de análise da actividade arquitectónica e cultural en Galicia na actualidade. Organizadas pola Sección de Arquitectura as xornadas forman parte do proxecto “Cultura, arquitectura e identidade”, itinerante polas principais cidades galegas. En Ourense o lugar de acollida será o Liceo (rúa Valentín Lamas Carvajal, 5).

UNHA INICIATIVA PIONEIRA

O proxecto, iniciado o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, supón unha iniciativa pioneira no estudo da arquitectura actual en Galicia, atento ao dinamismo de cada unha das principais áreas urbanas e con referencia especial ás novas xeracións profesionais. As xornadas, abertas e interactivas, incluirán relatorios para a presentación de proxectos de diferentes arquitectos da zona e concluirán cun panel no que intervirán todos os relatores.

Trátase de considerar a producción arquitectónica e creativa desde unha perspectiva histórica e actual, desde a teoría e a experiencia dos profesionais. Nese sentido o retrato da arquitectura no territorio de Ourense será un pretexto para a reflexión sobre a identidade, o local e o global e a realidade extraterritorial dunha área de especial significación.

O PROGRAMA EN OURENSE

As sesións de traballo de A ARQUITECTURA DESDE OURENSE comenzarán o 26 de xuño ás 16´30 horas cun acto inaugural no que intervirán: Ramón Villares, Presidente do CCG; Xan Xosé Rodríguez González, presidente da Delegación de Ourense do COAG, e os coordinadores das xornadas, Iago Seara Morales e José Antonio Vázquez. Logo da presentación a cargo da xornalista Maribel Outeiriño chegarán as intervencións de Javier Suances Pereiro, Manuel Seoane Feijoo, Tomás Valente, Beatriz Hermida e unha mesa redonda na que participará tamén María Jesús Blanco Piñeiro. O día 27, tamén a partir das 16´30 horas, a sesión será presentada pola xornalista Cristina Huete e contará coa participación de Guillermo Bertólez, Manuel Jorreto Díaz, Santiago Barge e Belén Bouza. As xornadas, organizadas polo Consello da Cultura Galega, contan coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (delegación de Ourense).