A implantación das directrices emanadas do proceso de Converxencia das ensinanzas superiores no espazo europeo, coñecido como “proceso de Boloña”, supuxo un xiro definitivo na deriva histórica das ensinanzas superiores de música e artes escénicas en todo o contexto español. Esta nova situación obriga á definición e concreción das condicións de inserción destas ensinanzas no nivel superior no que se encadran, xunto coas ensinanzas universitarias e outras. As normativas publicadas polo Estado ao longo dos anos 2009 e 2010, así como as emanadas das administracións autonómicas no seu desenvolvemento, están a deseñar ese novo contexto. Non obstante, namentres que no contorno universitario se acadou un modelo común para a Converxencia, no caso das ensinanzas artísticas subsiste unha inquietante indefinición, que desembocou en diferentes propostas de xestión no Estado e que no caso de Galicia aínda está por definir. En tanto que estamos a tratar dunhas ensinanzas encamiñadas á formación de profesionais cunha importante presenza no tecido cultural do país, é este un debate que non só atinxe ao contorno educativo, administración e centros, senón a todo o conxunto social e, en definitiva, ao presente e ao futuro da cultura de Galicia. Por iso, o Consello da Cultura Galega quere propoñer nesta xornada unha reflexión e un debate crítico sobre a necesidade de definir o modelo de xestión destas ensinanzas e sobre a “folla de ruta” que debería conducir a unha normalización exitosa destas ensinanzas perante os retos da Converxencia.

Datos básicos:

Data de celebración: 10 de febreiro de 2011
Lugar: Consello da Cultura Galega
Coordina: Sección de Música e Artes Escénicas
Programa: Consúlteo aquí.
Inscrición:
-A inscrición é gratuíta.
-O número de prazas é limitado (100 persoas).
-As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
- Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Pode inscribirse aquí.