Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2007.- O Presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e o Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, asinaron hoxe un convenio para a realización dun estudo sobre os dous primeiros xornais diarios de Galicia e a súa edición facsimilar. O traballo, coordinado por Xosé López e Rosa Aneiros, conta coa colaboración e asesoramento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, membro do Consello da Cultura Galega e experto na historia da prensa en Galicia. Con este traballo preténdese conmemorar en 2008 o segundo centenario da aparición das cabeceiras xornalísticas de periodicidade diaria en Galicia.O estudo analizará, logo da localización dos fondos correspondentes, o “Diario de Santiago” e o “Diario de La Coruña”, ambos de 1808, e buscará outras cabeceiras nacidas coincidindo coa invasión das tropas napoleónicas e a Guerra da Independencia. O período estudado abranguerá de xuño de 1808, ano en que nacen estas cabeceiras, ata xaneiro de 1809, momento da entrada das tropas francesas na Coruña.
O Presidente do CCG, Ramón Villares, salientou o interese da institución, e particularmente da Sección e do Arquivo da Comunicación, pola investigación sobre as orixes do xornalismo e a historia da comunicación en Galicia e puxo como exemplos a edición facsimilar de “El Catón compostelano”, o estudo sobre o diario “Galicia” ou a publicación dos artigos de Eduardo Blanco Amor en “La Nación”.
O secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, referiuse tamén á importancia da recuperación das primeiras publicacións diarias galegas e considerou oportuno e satisfactorio o convenio asinado, polo que o CCG percibirá a cantidade de vinte mil euros. Ademais do estudo e a preparación da edición facsimilar, o Consello da Cultura Galega editará un monográfico sobre o contido do estudo e a súa publicación na revista “Estudos de Comunicación”, na que se recollerán tamén os resultados da investigación. A publicación aparecerá ao cumprírense douscentos anos da creación dos referidos diarios.

