----

Ciclo de mesas redondas sobre política lingüística na UDC

O profesorado da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, coa colaboración da Comisión de Cultura da Facultade de Filoloxía, organizan un ciclo de tres mesas redondas nas que se ofrecen tres olladas sobre a política lingüística en Galicia desde diferentes ámbitos: a universidade, o asociacionismo e o Parlamento. O ciclo comezou o pasado 26 de abril, cunha análise da política lingüística feita desde o ámbito universitario e terá continuidade mañá, 3 de maio, ás 13:00 h, cunha mesa redonda na que participarán Marcos Maceira, Eduardo Sanches e Anxos Sobriño, como representantes do tecido asociativo. O ciclo pecharase o vindeiro 11 de maio cunha terceira análise realizada nesta ocasión por representantes dos diferentes grupos parlamentarios.