----

Os galegos entenden que a Xunta, a familia e a escola con os piares da protección do idioma, segundo un estudo do Observatorio da Cultura Galega

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2010.- O Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, anticipa hoxe co gallo da XII edición dos ‘Encontros para a Normalización Lingüística’ un avance dos resultados do estudo que se está a levar a cabo no Consello da Cultura Galega sobre as actitudes lingüísticas en Galicia no ano 2010. O informe que será publicado nos vindeiros meses recolle aspectos moi variados sobre a actitude dos galegos cara a lingua e percorre apartados como a normativa, ensino, administración e vida política, toponimia ou bilingüísmo, entre outros. A enquisa realizouse em decembro de 2009. A mostra dirixiuse á totalidade da poboación adulta residente en Galicia con 18 anos de idade cumpridos.<!--more-->

A seguir amosamos algúns resultados:

_ O 70,8% de persoas están, en xeral, de acordo con que os pais deberían falarlle máis galego aos seus fillos

_ Case un 90% dos enquisados consideran que cando lles falan en galego o correcto é responder na mesma lingua .

_ Máis do 80% dos enquisados está en desacordo con que o galego non é necesario porque nos entendemos perfectamente en castelán.

_ Un terzo da poboación está en desacordo con que a lingua usada nas familias deba ser o factor determinante para decidir a lingua principal do ensino dos seus fillos, mentres un a metade está máis ou menos de acordo. O resto móstrase indiferente.

_ 8 de cada 10 galegos está de acordo, bastante de acordo ou totalmente de acordo con non separar en aulas ou centros distintos aos alumnos por cuestión de lingua.

_ Practicamente a totalidade da poboación recollida na mostra, é favorable a que o sistema educativo garanta que os estudantes sexan capaces de usar correctamente o galego

_ Un 86,1% está de acordo en que os funcionarios das Administracións que prestan servizos en Galicia teñen que saber expresarse correctamente en galego.

_ No que respecta ao deber dos políticos galegos de empregar o galego na súas intervencións públicas, máis dun 75% da poboación galega está de acordo con esta afirmación.

_ En liñas xerais, obsérvase unha actitude bastante positiva de cara ao bilingüismo, xa que case o 90% da poboación galega opina que é posible unha situación de igualdade nas competencias lingüísticas.
_ A un 67% da poboación gustaríalle que o galego estivese máis presente na vida pública en Galicia.

_ A Xunta de Galicia, a familia e o sistema educativo, son para os galegos os tres piares nos que se fundamenta a protección do idioma.

_ Analízanse tamén as actitudes xerais da cidadanía con respecto á maior presenza do galego en diferentes ámbitos, que son moi favorables nos seguintes: nos medios de comunicación (61,8%), en asociación privadas, clubs deportivos, colexios profesionais (54,7%), no ámbito xudicial, das notarías, rexistros da propiedade, no da avogacía (55%), no ámbito sanitario (56%), por parte dos corpos e forzas de seguridade (56%), nas celebracións relixiosas (50%), nos produtos de entretemento para os rapaces e a xente nova (58%), na banca (54%), no comercio: etiquetado, publicidade (56,1%).