----

Preséntase a colección “Vídeos didácticos USC”

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago presenta unha colección de vídeos didácticos en galego útiles para a docencia e a divulgación científica, que tamén poden contribuír a crear novas canles de comunicación para o profesorado e alumnado universitario. A colección estréase cunha ducia de vídeos, dunha duración media de entre 8 e 10 minutos, de diferentes áreas de coñecemento (física, bioloxía, dereito, xeografía...) Con este proxecto, que ten carácter aberto e irá medrando con novas pezas audiovisuais, o SNL quere promover a incorporación do galego a novos espazos comunicativos (como a docencia virtual) e fomentar a difusión do coñecemento científico fóra das aulas universitarias. Podes ampliar a nova premendo aquí.